Manifesto 17 de maio de 2020. Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero

Desde Queremos Galego:
“Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a resoar en nós, como tesouro de afecto, de admiración, de intelixencia e de amor con obras ao povo galego. Vostede dixo e escrebeu que a lingua galega, para viver, debe sobreviver. Nesas estamos. Os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas… Non se trata só dun desprezo pasivo, senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado.
Fíxose, desde a mal chamada autonomía, o contrario do que a lingua galega precisaba. Ela, a lingua galega, necesitaba un constante e sostido exercicio de uso promovido desde os poderes públicos, desde todas as institucións; unha promoción atenta ao uso xurídico, ao uso comercial, ao uso eclesiástico, ao uso mediático, ao uso administrativo, ao científico, ao publicitario, ao uso cultural en xeral, ao audiovisual e cinematográfico, ao de novas técnicas de comunicación e difusión… Un exercicio de construción e de avaliación de resultados, para, sobre a marcha, irmos corrixindo e innovando todo o que fixer falta. O que vostede expresou tan ben no título dun artigo que case ten cuarenta anos: “O uso do galego para todo”. Tal necesidade non se atendeu; antes ben, desprezáronse as actividades, o combate pro-galego, a mobilización cívica de tantas e tantos galegos a prol de poderen viver con normalidade en galego, as 24 horas do día e os 365 días do ano, nen máis nen menos que en calquer lingua das que definimos como normais na sociedade respectiva.
Benquerido profesor, non esquivamos a nosa responsabilidade, isto é, a de todas e todos nós, galegas e galegos, que nos recoñecemos no povo do mesmo nome e queremos exercer non só os nosos dereitos de uso e devolución do noso idioma senón que tamén nos sentimos vinculados a un deber inescusábel: o de sermos dignos de quen nos precedeu, non adorando lápidas senón continuando o seu labor dignificador da lingua, amándoa con obras e non só con palabras que leve o vento. Este espello de responsabilidade querémolo ter sempre presente. Se a cuestión da lingua non se menciona especificamente como tal, creamos a impresión de que xa non precisa unha acción permanente ou, aínda pior, de que nos conformamos resignadamente co que hai: a compracencia na subordinación, na pequenez, na domesticidade mal entendida, na limitación vista como natural e inevitábel. O que vostede denominou “unha lingua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E consecuentemente, unha lingua ferida de morte”. Así se pronunciaba vostede hai case cuarenta anos, e isto é mesmamente o que queremos conxurar de vez.
Unha lingua non pode denominarse normal se non posúe os atributos de tal: ha de ser ubicua, capilarmente circulante por toda a sociedade, con efeito multiplicador, renovábel e atenta a todas as necesidades comunicativas, científicas, expresivas e estéticas do mundo actual. Nen máis nen menos. Para isto precisamos que todas e todos os nosos compatriotas a sintan, a pensen e a practiquen como sinal irrenunciábel, como sacramento conferidor de personalidade, de todos nós, povo galego.
Don Ricardo, a persoa e obra de vostede foinos –e énos– axuda imprescindíbel nesta tarefa colectiva. Temos na lembranza unha súa intervención pública memorábel: foi, xustamente, a que clausurou o encontro sobre os problemas e as necesidades da nosa lingua de que derivou a constitución da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Tal aconteceu en Compostela, en Abril de 1986. Desde aquela data a hoxe, queremos comunicarlle que as nosas demandas, as nosas reclamacións, a nosa loita pro-galego foi ratificada e corroborada por non poucos organismos internacionais, desde a UNESCO até a propria ONU, pasando por diferentes instancias europeas. Todo isto nos conforta, mais, naturalmente, o campo de ampliación e de dignificación da nosa lingua seguímolo tendo aquí, na Galiza. Somos nós, galegas e galegos, os lexítimos proprietarios da nosa lingua. Somos, igualmente, os responsábeis de que ela perviva non como unha reliquia ou un monumento literario senón con toda a práctica que aínda lle falta: para a vida de todos os días, para toda a sociedade, para a fala e a escrita, para ouvila e para lela de forma xeral, para non ter que a procurar, cal detectives, en cápsulas controladas.
Conceder dereitos con tal de que non se exerzan é artificio cínico e malsán. Nós queremos exercelos con toda a consciencia e con todas as consecuencias prácticas e visíbeis. Como vostede indicou: Hai que ganhar ou recuperar para o uso normal do galego aqueles sectores sociais que hoje tenhem como língua normal o castellano. Esta é unha tarefa á que queremos convocar, co amor, o respeito e o afán que a causa da lingua merece, toda a povoación galega e, nomeadamente, todos os mozos e mozas en cuxa man está a digna perpetuación viva do noso idioma. Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua.
Neste Día das Letras Galegas, a vostede dedicado, manifestámoslle o noso afecto, a nosa memoria agradecida, a débeda con vostede contraída, débeda e exemplo que queremos converter en actos positivos para a lingua que vostede tanto e tan ben tratou e arrequeceu.
A nosa fonda aperta.

María Pilar García Negro
Galiza, Maio de 2020″