Antonio Reigosa: “Na sección [Micromitos] tratarei de que haxa un panorama amplo no que estean os seres míticos principais”

Entrevista a Antonio Reigosa en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): En que vai consistir Micromitos?
– Antonio Reigosa (AR): Chámolle micro porque se trata dun espazo breve, non pola importancia do mito, claro. No tempo que dure falarei un pouquiño de todo: mitos, chamémoslle cultos, mitos relixiosos, lendario asociado ás fontes, ás covas… Hai un amplísimo catálogo. Tratarei que sexa ameno e tamén divulgativo, que se entenda que simboloxía hai detrás e se ten algunha conexión con algunha literatura culta.
– ND: Como imos ver na sección que é a mitoloxía popular?
– AR: Enténdoa como algo que é fundamental na cultura, básico, simbolicamente é a súa expresión máxima posíbel e sobre todo se nos referimos a ela desde o popular. É como o oxíxeno, que nos é común a todas as galegas e os galegos. Na sección tratarei de que haxa un panorama amplo no que estean os seres míticos principais pero cunha casuística, por exemplo, que se saiba quen son as mouras pero ao tempo, dentro do mundo moura hai unha variedade enorme de arquetipos: a moura nova, a moura caníbal… O propósito é poñer a lectora e o lector nun panorama que á volta dun tempo lle permita percibir unha mitoloxía popular como é, coherente, simbolicamente moi potente e que ademais é unha axuda para coñecer a contorna.
– ND: Onde radica para vostede a importancia do mito ou da lenda, por exemplo?
– AR: Estamos a falar de imaxinario, non é un ben material patrimonial, aquí decatarse da singularidade é moito máis complicado e a xente tamén percibe que houbo e aínda hai certo prexuízo fronte á mitoloxía popular en boa parte debido á doutrina da igrexa. Pero aínda así, e aí radica a súa importancia, a inmensa maioría da xente ten algunha referencia ou algunha curiosidade sobre a mitoloxía popular. Toda vida humana ten tres cuestións chave: quere saber de onde vén, quen había antes e que pasará despois, e de aí a mitoloxía da morte tan importante na Galiza. Trátase de algo exclusivamente imaxinario pero é posíbel porque colectivamente creamos unha serie de figuras, de seres, de medos… que lle dan unidade á cultura popular. Hai unha coincidencia que determina os imaxinarios.
– ND: Cal é a situación da nosa mitoloxía? É propia ou universal?
– AR: O substracto sobre o que se constrúen as mitoloxías é universal porque responde a esas preocupacións básicas de todos ser humano, en todo tempo e en todo lugar. Logo veñen as peculiaridades culturais, por exemplo, non ten a mesma forza a mitoloxía da morte no que foi secularmente un cabo do mundo, unha Fisterra, que noutros territorios nos que non hai esa proximidade física a un finisterre. A mitoloxía da morte na Galiza ten unha forza que non ten noutras partes e que a iguala a toda a beira atlántica, máis alá doutras cuestións históricas as culturas celtoatlánticas teñen esa conexión unhas coas outras que non teñen igual, por exemplo, con África aínda que nos preocupe o mesmo.
– ND: Como conservamos ese patrimonio?
– AR: Sempre, o que forma parte da cultura popular, mantense mentres ten función, sentido para a xente. Evidentemente hai un conflito entre o mundo académico ou presuntamente culto e o popular, no primeiro a mitoloxía é menos importante ou non é transcendente pero, sen dúbida, dino sen darse conta de que precisamos espazos imaxinarios para vivir, sexan de tipo relixioso, ou mitolóxicos, ou froito dunha longa tradición, ou creados polo cine ou a televisión. Os intereses cambian en función das circunstancias persoais ou do grupo social pero a mitoloxía popular existiu e segue a existir. Se deixa de existir un castro esquecerase todo o que se sabía na contorna sobre as mouras, os tesouros… pero noutros lugares haberá unha mitoloxía popular asociada a esa contorna.”