A AELG lamenta a perda do seu socio Albino Mallo

A AELG lamenta a perda do xornalista e ensaísta Albino Mallo.
Facemos nosas as palabras que Eva Veiga expresou sobre a súa figura: “Foise o grande Albino Mallo. A min fóiseme un amigo da alma. Son unha desas persoas entrevistadas por el -hai xa moitísimos anos- e xa dende ese momento amigas. Porque xunto á súa extraordinaria calidade profesional, que cultivou ata os seus derradeiros días, estaba a súa impresionante calidade humana que o facía tan de querer. Durante moitísimos anos foi un incansable cronista da nosa cultura e abraiaba a súa capacidade para estar en tantos eventos dos que daba conta no xornal -primeiro en EFE e logo en El Ideal Gallego e  El Correo Gallego– e xa por último en redes sociais. Todo lle interesaba e gardaba arquivo de todo, sobre todo, na súa memoria prodixiosa. Unha longa traxectoria xornalística na que cubriu acontecementos históricos da política mundial, do mesmo xeito que estivo nas citas con máis “glamour” do cine, do teatro, da música, etc. Mais se algo eu debo agradecer a Albino Mallo, por riba aínda dese seu vitalismo celebrativo e aberto, é o seu sentido da lealdade no cultivo da amizade. Durante varios meses que pasei ingresada e en convalecencia en Madrid, el escribiume unha carta cada día -sen faltar un só- contándome todo o que pasaba por aquí. Consérvoas como un tesouro, do mesmo xeito que conservo a amizade coa súa marabillosa familia. A miña aperta máis fonda para Pilar, Ainhoa e Eduardo. E un adeus que non é tal, porque quen tanto deu e amou, é xa infinito.”

Deixamos aquí a ligazón ao seu espazo no Centro de Documentación da web da AELG.