Lorena Conde gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense 2020

Desde o Concello de Ourense:
“Lorena Conde é a gañadora da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que convoca o Concello. O xurado do certame acordou concederlle o galardón á escritora natural de Pontesampaio (Pontevedra) polo poemario As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor.
O xurado destacou a “calidade lingüística e a estética coidada” da obra, así como “a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora”.
Subliña tamén a voz poética “que amplía o imaxinario falando desde a subalternalidade, introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras e coloca os coidados no centro facendo unha lectura contemporánea da dificultade da conciliación. En definitiva, unha poesía que conmove e non deixa indiferente”.
O certame premia o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. Está dotado cun premio de 6.000€ e a publicación da obra gañadora.
O xurado estivo formado por César Lorenzo (crítico literario), Edelmiro Vázquez (poeta ourensán) e Charo Lopes, gañadora de edición pasada.”