Lorena Conde gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense 2020

Desde o Concello de Ourense:
“Lorena Conde é a gañadora da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que convoca o Concello. O xurado do certame acordou concederlle o galardón á escritora natural de Pontesampaio (Pontevedra) polo poemario As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor.
O xurado destacou a “calidade lingüística e a estética coidada” da obra, así como “a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora”.
Subliña tamén a voz poética “que amplía o imaxinario falando desde a subalternalidade, introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras e coloca os coidados no centro facendo unha lectura contemporánea da dificultade da conciliación. En definitiva, unha poesía que conmove e non deixa indiferente”.
O certame premia o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. Está dotado cun premio de 6.000€ e a publicación da obra gañadora.
O xurado estivo formado por César Lorenzo (crítico literario), Edelmiro Vázquez (poeta ourensán) e Charo Lopes, gañadora de edición pasada.”

Prender os fachos, compoñer os ósos, de Carlos da Aira, gaña o 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde o Concello de Ourense:
Prender os fachos, compoñer os ósos, do poeta Carlos da Aira, foi a obra gañadora do 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, composto por Luís G. Tosar, poeta e presidente do Pen Club Galicia, Soedade do Muíño, profesora de lingua e literatura galegas, Edelmiro Vázquez Naval, poeta, e Fernando Fitas, xornalista e poeta gañador da edición anterior, resolveu por unanimidade concederlle o premio ao poeta allaricense.
Os integrantes do xurado valoraron a súa obra do seguinte xeito: “Alicerzado nun discurso literario despoxado de artificialismos, mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario, esta obra constitúe un exemplo de como é posíbel transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos días que corren”.
O Premio de Poesía Cidade de Ourense está dotado cun premio de 6.000 euros máis a publicación de 150 exemplares do libro, e está aberto á participación de autores e autoras que presenten obras escritas en galego ou en portugués. O vindeiro ano, o poeta allaricense Carlos da Aira integrará o xurado da 35ª edición.”

Eva Veiga gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Silencio percutido

“OEva Veiga Premio de Poesía Cidade de Ourense xa ten obra gañadora. Trátase de Silencio percutido, escrito por Eva Veiga Torre. O xurado chegou a esta conclusión tras unha ampla deliberación, dando conta dos corenta e seis exemplares presentados nesta edición.
O xurado chegou a esa determinación por unanimidade, tras valorar a intensidade dun discurso lírico que incorpora, dentro dunha “poética do silencio”, matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercicio de linguaxe e depuración expresiva. Nesta trixésima primeira edición participaron como xurado: Irene Veiga Durán, Miguel Anxo Fernán-Vello, Edelmiro Vázquez Naval, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeras -como gañador da edición anterior-. A técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia, actuou como secretaria e o concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán, foi o presidente do xurado.”

O portugués Amadeu Baptista gaña o Premio Cidade de Ourense de Poesía

Desde Fervenzas Literarias:
Não vês a revolução permanente neste trapo vermelho
enrolado à volta da minha cabeça, enquanto ponho
os olhos num infinito não muito distante?

Estes versos corresponden ao poema Murmuração de Leon Trotski no seu leito de morte, incluído en Um pouco acima da miséria, o traballo poético co que o poeta portugués Amadeu Baptista ven de gañar por unanimidade do xurado o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense.
O xurado desta edición estivo composto por Fernando de Castro Branco, como representante do Grémio Literário-Vilarense, Margarita Seara Pazo, Edelmiro Vázquez Naval, Eva Moreira Fontán e Miguel Anxo Fernán-Vello. Actuou como secretaria a técnica de Normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia e presidiu o Xurado a Concelleira de Cultura, Ana Garrido González (sen voz nin voto).
Os membros do xurado valoraron especialmente da obra premiada que “estamos perante un libro de excepcional calidade. Unha respiración poética ampla, un traballo minucioso de linguaxe que está na base dunha tensión poética intensa. Aínda cun percurso na referencias marcantes da civilización occidental que cuestionan dunha forma aguda o presente de Europa.”. (…)”

Xosé Daniel Costas Currás gaña o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, coa obra Monicreques

“A X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que organiza a Fundación Novacaixagalicia en colaboración co Centro PEN de Galicia, foi para Xosé Daniel Costas Currás. O poeta, nado en Moaña en 1981, impúxose entre os 71 participantes coa obra Monicreques. O xurado destacou “a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición”. Costas levará 12.000 euros e verá publicado o seu traballo na colección Arte de trobar. O presidente do Centro PEN, Luís González Tosar, Emma Pedreira, Ana Salgado, Edelmiro Vázquez Naval, Antón Pulido e Xabier Castro Martínez foron os compoñentes do xurado.” Vía Cultura Galega e Fundación Novacaixagalicia. Recollido tamén en La Voz de Galicia.

Xavier Rodríguez Barrio gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense, con Calado testamento

O escritor Xavier Rodríguez Barrio converteuse no gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Calado testamento. O galardón está dotado con 6.000 euros e implica a publicación do libro coa editorial Espiral Maior. O xurado, integrado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Soedade do Muíño, Fernando de Castro Blanco, membro do Grémio Literário de Vila Real e Edelmiro Vázquez Naval, emitiu o seu veredicto sobre as 48 obras presentadas a esta edición. (Xornal, La Voz de Galicia, La Región, El Progreso, Cultura Galega).