Entrevista a Anselmo López Carreira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Con que obxectivo se publica este libro [O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria]? Como xorde?
– Anselmo López Carreira (ALC): Foi unha proposta que Isidro Dubert fixo a Xerais. É unha colección sobre a historia de Galicia e o noso libro é a primeira achega. Non é unha historia do reino de Galicia, senón un libro de divulgación sobre a existencia do propio reino e sobre o seu tratamento historiográfico, é dicir, sobre o seu esquecemento.
– ND: Ao comezo falan dunha polémica: Sánchez-Albornoz repróchalle a Castelao a súa castelánfobia e Castelao a Sánchez-Albornoz o seu excesivo castelanismo. Por que é significativa?
– ALC: Os dous representan visións contrapostas da historia medieval de Galicia. Castelao non é historiador: bebe do que escribiran Risco ou Vilar Ponte, pero ten claro que Galicia ten unha historia de seu e reivindica, a través dela, a nacionalidade galega. Sánchez-Albornoz é a versión historiográfica da Xeración do 98, moi castelanista.
– ND: Sánchez-Albornoz recoñece que se chamaba Galiza a todo o noroeste da Península e Modesto Lafuente que ao reino de Asturias se lle chamaba Galiza. Mais iso non muda nada…
– ALC: Ambos os dous recoñecen ese feito, pero en notas ao pé de páxina. Eles sabíano. As crónicas árabes chamaban a todo o noroeste Galicia, pero a historia oficial feita por Modesto Lafuente e despois por Sánchez Albornoz, xa no século XX e con máis fontes, opta por chamarlle reino de Asturias e reino de León.
– ND: A documentación, en realidade, é interpretábel, alén dos motivos ideolóxicos. Aparecen expresións moi distintas para definir os reis e os seus territorios.
– ALC: É interpretábel, si, pero os motivos ideolóxicos pesan moito. Cando se comeza a facer unha historia académica normativa, a mediados do século XIX, non hai aínda unha historia de Galicia. O traballo de Murguía e Vicetto chega despois. A historia de España herda unha interpretación que vén de moi atrás, do século XIII, relacionada coa unión do reino de Castela co de Galicia-León e co proceso de hexemonización de Castela.
Os historiadores do XIX traballan coas crónicas do século XIII, sobre todo as feitas na corte de Afonso X, ou coas do XIV e XV, que salientan a historia de Castela por enriba dos demais reinos. Non é así no caso de Catalunya e Aragón, que teñen unha historiografía de seu moi potente. Ademais, Galicia pasa a ser xa o territorio da Galicia actual: non é a antiga Gallaecia, que tiña a capital en León. Modesto Lafuente continúa a tradición historiográfica do século XIII, que era a que había. Sabían que houbera un reino de Galicia, pero para eles era un título baleiro de contido.”