Medos Romero: “Este tempo de pandemia tería que facernos pensar máis nas nosas vidas”

Entrevista a Medos Romero en La Voz de Galicia:
“Medos Romero (Somede, As Pontes, 1959), enfermeira de profesión e unha das grandes voces da literatura galega contemporánea, saca á luz estes días, da man da editorial Medulia, Hortensia. Un poemario que é, esencialmente, unha reivindicación da memoria de súa nai. «Este libro é, por riba de calquera outra cousa -di Medos-, un canto de amor inmenso. Unha homenaxe ás mulleres da Terra»
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Como naceron estes poemas?
– Medos Romero (MR): Pois precisamente cando eu perdo a miña nai. Entón e cando decido escribir este poemario. Un poemario que é un libro de amor e de dor, ao mesmo tempo.
– LVG: E un libro, tamén, no que están de novo moitos dos temas centrais da súa poesía. Entre eles, o mundo rural como raíz de vida…
– MR: Si, claro, pero tamén teño que dicir que aquí non hai un canto á realidade rural vista como algo bucólico e idealizado, senón unha mirada moi distinta. Eu falo da Terra no sentido máis alto do termo. E falo do que a Terra foi e segue sendo para min. Eu sei de ónde veño. Por iso sinto unha dor tan fonda cando vexo queimar os montes, ou cando vexo abandonar as aldeas. Unha aldea abandonada é un drama, é a morte dun mundo que estamos deixando perder. Este tempo de pandemia tería que facernos pensar máis nas nosas vidas.
– LVG: ¿En que aspectos das nosas vidas deberiamos pensar máis do que o facemos?
– MR: Nos que atinxen ao feito mesmo de existir. Non podemos continuar así, estamos destrozando a natureza. Parecemos esquecer que a natureza é a que nos alimenta. Temos que cambiar de rumbo. Somos unha especie animal que destrúe o ecosistema.
– LVG: A súa infancia en Somede foi un tempo dunha relación coa natureza moi diferente….
– MR: ¡Por suposto! E repito que non estou idealizando o mundo rural, senón reivindicando a súa verdadeira esencia. Neste poemario eu falo dese mundo, falo das mulleres dese mundo e falo, ensencialmente, de miña nai, subliñando que as raíces nos dignifican, e que todos precisamos un lugar ao que poder retornar. O amor e o respecto ao medio natural fannos máis humanos. -¿Que sente, despois de ter rematado o libro?-Pois sinto que é un libro que me habita. Un libro no que está a muller que mo deu todo: unha muller traballadora, firme, sacrificada, tenra, chea de dozura…
– LVG: ¿Houbo un mundo mellor que este mundo?
– MR: Por suposto que si. Houbo un mundo infinitamente mellor. Un mundo que, a poucos anos que pasen, acabará desaparecendo para sempre, e iso será un drama irreparable. A min sorpréndeme que a xente non se decate de que a natureza nos está dicindo que non podemos seguir así. ¿E sabes que me entristece moito, tamén?
– LVG: Dígame.
– MR: Que cando habitabamos aquel mundo eramos felices… pero non o sabiamos. Sabémolo agora. Mais, a pesar de todo, non somos capaces de tomar conciencia de que imos cara ao abismo.”