Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Xosé A. Neira Cruz é o gañador da XIV edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra O enigma de Santiago. Neira Cruz convértese no primeiro escritor que gaña en dúas ocasións o certame convocado pola Deputación da Coruña.
Un xurado composto por Paula Carballeira, Míriam Ferradáns, Antía Otero e Tero Rodríguez, ademais do autor da edición anterior, Valentín Alvite, co deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiu conceder o premio á Xosé Antón Neira Cruz coa súa obra O enigma de Santiago, presentado co lema Tempos fugit.
O xurado destacou que a novela describe unha “trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo destinado ao público infantil”. Valorou tamén o “dominio de referencias artísticas e o históricas, cunhas personaxes moi ben armadas, de maneira especial, o protagonista, que evoluciona ao longo da novela”.
A obra gañadora, segundo o xurado, establece unha “ligazón entre dúas épocas históricas a través dun elemento fantástico que, a pesar diso, resulta críbel e verosímil”. “O misterio da trama atrapa como unha promesa, procurando na experiencia lectora a sensación de estar ante un enigma que che gustaría que fose resolto e que atrapa como unha promesa”, explica o xurado na resolución do premio dunha obra que conta unha historia na que destaca “a presenza de relacións de poder nunha cidade que poden ser extrapolables á sociedade enteira, descubrindo os artificios de manexo do poder cun estilo narrativo moi acorde cos nosos tempos e coa lectura da actualidade”.
O xurado valorou tamén a alta calidade das obras presentadas e considerou que a de Neira Cruz supón unha importante achega á literatura galega.”