





Toda a información aquí.
Desde a Deputación da Coruña:
A escritora Antía Yáñez (Burela, 1991) é, con Bragakadabra, a gañadora, na modalidade infantil, do XIX premio Raíña Lupa de LIX, convocado pola Deputación da Coruña e ao que este ano concorreron 49 orixinais. O xurado declarou deserto o galardón na categoría xuvenil. O certame está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado integrado por Berta Dávila, Miguel Ángel Alonso Diz (representante da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Abel Tomé e as gañadoras do certame na anterior edición, Rosa Aneiros e Érica Esmorís. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación da Coruña.
De Bragakadabra o comité avaliador valorou, por unanimidade, “o humor, imaxinación, fantasía e tenrura con que a autora traballa a historia, unha narración fresca e chea de personalidade”. O xurado puxo tamén en valor “a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación e empoderamento”. (…)
Desde a Deputación da Coruña:
“O XVII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña xa ten gañador: o escritor cangués Rafael Fernández Lorenzo coa obra As pedras verdes, unha novela que conta a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual cun relato no que a violencia, a vulnerabilidade e o medo son tamén temas centrais.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega como Tamara Andrés, Elvira Ribeiro, Miguel López (El Hematocrítico), Arancha Nogueira e o gañador da última edición, Lois Pérez, e, como secretaria, a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat.
O xurado tamén salientou da obra premiada o tratamento da diversidade lingüística e a creación dun mundo fantástico propio para achegar ao lector unha cultura indíxena de ultramar a través dun exercicio literario moi evocador.
Rafael Fernández Lorenzo é escritor e colabora en diversos medios con artigos de creación e crítica literaria. A súa obra está traducida ao éuscaro, portugués, catalá e castelán. O premio que acaba de recibir está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra. (…)”
Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña acordou conceder o galardón á obra A tribo do mar, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Lois Pérez.
O xurado desta edición estivo composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada “por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración”. Tamén anota que A tribo do mar está narrada “cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada”. (…)”
Desde a Deputación da Coruña:
“O último venres do mes de abril terá lugar a primeira sesión do ‘Club da Raíña Lupa’, un club de lectura sen etiquetas e sen complexos que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. Un club que parte da filosofía ‘non hai idade, hai literatura’, para estender e socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente infantil e xuvenil.
Esta iniciativa está coordinada pola gañadora da última edición do Premio Raíña Lupa, Andrea Maceiras, e terá lugar na Sala Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18h do último venres dos meses de abril, maio, setembro, outubro e novembro. O venres 29 de abril, será o escritor Antonio Manuel Fraga o encargado de inaugurar esta rede de encontros co público lector. De feito, esta mañá a coordinadora, Andrea Maceiras, e o autor Antonio Manuel Fraga visitaron a Biblioteca provincial na que terán lugar as sesións. Nos seguintes encontros participaran Érica Esmorís, Berta Dávila, Ledicia Costas, Manuel Rivas e a propia Andrea Maceiras.
Para participar no ‘Club da Raíña Lupa’ será necesario inscribirse previamente a través de correo electrónico. O prazo de inscrición para formar parte deste Club abrirase o luns 18 de abril, día no que se fará público o enderezo electrónico de inscrición. O número de prazas estará limitado a 20 persoas e poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.
Calendario de lecturas e encontros:
• 29 de abril: Antonio Manuel Fraga con santoamaro
• 27 de maio: Érica Esmorís con Patio de luces
• 30 de setembro: Berta Dávila con Un elefante no cuarto de estar
• 28 de outubro: Ledicia Costas con O neno de lume e Manuel Rivas con A nena lectora
• 25 de novembro: Andrea Maceiras con Que se me pare o corazón se te esquezo“