A Asociación Galega de Editoras renova a súa Xunta Directiva

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O novo presidente, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, releva no cargo a Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, no remate do seu mandato de máis de catro anos. O presidente saínte, Xosé Ballesteros, fixo balance destes catro anos e medio á fronte da Asociación, nos que destacou o saneamento das contas, a contratación da nova secretaría técnica e apertura da sede social no centro de Santiago, a ampliación da base asociativa ata un número de 40 editoriais, a presenza activa nas máis importantes Feiras Internacionais do Libro e a incorporación da AGE na Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada por vídeoconferencia, e convocada expresamente con esa finalidade. A lista encabezada por Henrique Alvarellos foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, o presidente saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos catro últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Henrique Alvarellos, a actual dirección da AGE complétase con Ana Guerra, de Obradoiro, como vicepresidenta; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Miguel Toval, da editorial Embora, como tesoureiro; e como vogais, María Xesús Gómez, de Rodeira; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, Francisco Alonso, de Edicións Xerais de Galicia, e Francisco Castro, da Editorial Galaxia.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén unha nova incorporación. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica –Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Vigo– como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeneralistas, libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
Entre os obxectivos do novo equipo figura, en primeiro lugar, poñer en valor o papel das editoras e do libro galego, especialmente na actual situación dunha sociedade post-COVID. Os meses de confinamento demostraron que a lectura, os libros, e a cultura en xeral foron verdadeiros aliados, un antídoto, contra a dura situación vivida.
O libro galego ten por diante varios retos, entre eles, superar ese 17% de cota actual de mercado en Galicia; por outra banda, desenvolver novas e efectivas estratexias de internacionalización que permitan que os nosos contidos poidan darse a coñecer noutros mercados, e viceversa.
O grupo que preside Henrique Alvarellos aspira a continuar trazando sinerxías co resto de colectivos que integran a cadea do libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas administracións públicas.
A Asociación Galega de Editoras formará parte da “Mesa del Libro y la Lectura” posta en marcha o pasado novembro polo Goberno central. Así mesmo, continuará na xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), á que pertence dende o pasado mes de xuño, onde estará representada polo director de Kalandraka e presidente saínte, Xosé Ballesteros.
A AGE foi creada en 1983. Está formada actualmente por 40 empresas que publican máis do 90% da produción editorial galega.”