Entrevista de César Lorenzo Gil a Eva Moreda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Eva Moreda (EM): A literatura en xeral nunca deixou de interesarme. Coa literatura galega, si que tivemos uns anos que andamos ela e máis eu algo encabuxadas; co tempo volvín ler e decatarme de que si que hai unha apreciable cantidade de autores que intentan escribir con honestidade e construír un proxecto literario de seu, igual que en calquera outra literatura. Por citar un monllo de obras que lin vai aló tres ou catro anos, diría Ana e os homes de Mario Caneiro, A identidade fascinada de Antonio Piñeiro, … e os domingos un croissant de Ursula Heinze, Lémbrome de Xurxo Chapela. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– EM: Gustaríame escribir unha serie de microensaios de 100 ou 200 palabras sobre aspectos da vida cotiá en Inglaterra e Escocia que me chamaron a atención cando vin para aquí e que ma seguen chamando. Hai un ano ou así escribin catro ou cinco e logo mandéillelos a dúas revistas que me pediran unha contribución. Non sei se terei a paciencia para escribir todo un libro nesta liña, nin tampouco cousas abondo que dicir.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– EM: Gloria Fuertes. Tiñamos na casa un libro que recollía os poemas premiados nun certame que ela organizara entre a rapazada da altura. Fíxome ver que había outros nenos e nenas que escribían tamén. (…)”