Mario Caneiro: “A literatura, hoxe máis que nunca, ten que avanzar contra a corrente”

Entrevista de Ramón Loureiro a Mario Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O eixo central da súa produción literaria vira arredor do relato curto. Ten iso algo que ver, tamén, coa tradición da que bebe a súa literatura?
– Mario Caneiro (MC): En certo sentido, si, Como escritor síntome moi cómodo no conto, como xénero literario. Especialmente por unha razón…
– LVG: E cal é esa razón?
– MC: Porque eu creo que non se trata de escribir por escribir. Para min, ao narrar, é moi importante a concisión.
– LVG: Elixir cada palabra con coidado.
– MC: Así é. E aínda diría outra cousa: que para min o fundamental é o texto, o que se lle dá ao lector. O que importa non é o autor. Chega un momento, non só como escritor, senón tamén como lector, no que tes que elixir. E, decididamente, o relato curto, aínda que tamén a novela de extensión limitada e de expresión concentrada, é a miña principal opción. (…)
– LVG: Cal será, a medio prazo, o futuro da literatura galega? Da creación literaria, quero dicir…
– MC: O futuro sempre é impredicible. Quen pode saber o que virá…? Pero eu penso que arredor da nosa literatura, e de toda a literatura, sempre quedará unha pequena illa de irredutibles na que ninguén se vai render. A creación literaria seguirá. Non vai desaparecer.
– LVG: E os lectores…? Aumentará o seu número, irá a menos…?
– MC: O número de lectores literarios sempre vén sendo, pouco máis ou menos, o que é. Distinta cousa son os libros de evasión, os que a xente busca como entretemento, pero a literatura ten un público limitado. Iso hai que recoñecelo. En canto á maneira na que isto vai ir evolucionando conforme o tempo pase, tampouco me atrevo a facer predicións. Aínda que confío en que sempre se siga lendo literatura, porque a literatura nos axuda a vivir. (…)”

Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea

poesia_2016teatro_2016relato_breve

Tabela dos Libros de xuño de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso. Nela danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Retomarase a andaina nos primeiros do mes de setembro. Boas vacacións e felices lecturas!”

2015_xuño_tabela

Gañadores dos Premios Xuventude Crea 2013

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado deu a coñecer as persoas premiadas nos Premios Xuventude Crea 2013.

POESÍA:
1º premio (compartido)
– Alba Cid Fernández, coa obra O corpo e as bestas.
– Olalla Tuñas Martínez, coa obra Cidade libre.
2º premio (compartido)
– Tito Pérez Pérez, coa obra Cardiograma de silencios opacos.
– Brais Lamela Gómez, coa obra Casa tomada.
3º premio (compartido)
– Rafael Lobelle González, coa obra Deus Fratesque Gallaecia. Tríptico aberto.
– Mónica Sánchez Rodríguez, coa obra Alimento poeta branco.

RELATO:
1º premio
– Esther Gómez López, coa obra Area na boca.
2º premio (compartido)
– Elena Dopico López, coa obra Incontable.
– Nerea Pallares Vilar, coa obra Cork e as burbullas.
3º premio (compartido)
– Iago Fernández Pérez, coa obra 1100 quilómetros (por expreso desexo do gañador, renuncia ao premio).
– Francisco Lorenzo Parada, coa obra A muller dos meus soños.
Mencións de honra
– Ana María Rodríguez González, coa obra Vinca.
– Tito Pérez Pérez, coa obra No contorno da sombra.

TEATRO:
1º premio
– Asociación Cultural A Panadaría, coa obra Bang, bang, bang.
2º premio
– Asociación Cultural Pinchacarneiro Teatro, coa obra Proxecto 45.
3º premio
– Asociación Cultural Tolemia Teatro, coa obra Soños dun sedutor.

Os xurados dos premios estiveron formados por:
POESÍA
Presidenta: Yolanda Otero Balsa.
Vogais: Guadalupe Gómez Arto, Xosé Luna Sanmartín; Luis González Tosar; Víctor Manuel Furelos Guillén.
Secretaria: Pilar Tamerón Montesinos.
RELATOS
Presidenta: Yolanda Otero Balsa.
Vogais: Henrique Alvarellos Casas, Anxos Sumai, Francisco Castro Veloso, Mario Caneiro Ameneiros.
Secretaria: Ana Martínez González.
TEATRO
Presidenta: Yolanda Otero Balsa.
Vogais: Manuel Guede Oliva, Inma López Silva, María Mera Constenla, Camilo Franco Iglesias, Artur Trillo Sendón.
Secretaria: Ángela Fernández Rey.

Ames: actos conmemorativos do Día das Letras Galegas

Desde Galicia Hoxe:
“O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto pola escritora amesá, Mariña Pérez Rei, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba. (…)
Na terceira e última categoría de narrativa, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o compostelán Mario Caneiro Ameneiros coa peza Un bolso “chic”. (…)”

Vigo: presentación de Tempos dixitais

O venres 30 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase o libro Tempos dixitais, publicado por Meubook, e que foi o resultado do I Certame de Relatos Tempos Dixitais, coorganizado por Meubook e Redelibros. O libro recolle textos de Juan Parcero, Andrea Fernández Maneiro, Fina Fernández, Carme Graña Barreiro, Oscar Bouzas, Mario Caneiro e Umberto Saa.