Desde Praza Pública:
“Xela Arias será a autora homenaxeada na edición 2021 do Día das Letras Galegas. Así o decidiu este martes o pleno da Real Academia Galega, que destaca á poeta sarriá como “unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma”, subliñando ademais “o seu labor pioneiro na tradución ao galego de clásicos universais e como editora”. Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018). (…)
Entre as súas obras destacan os poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Lili sen pistolas (1986, obra inédita), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003), recollidos no volume Poesía reunida (Xerais), editado por Chus Nogueira. “Oxalá esta Poesía reunida contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras”, sinalaba Nogueira no momento da publicación.
Nogueira incidía tamén en que “Xela Arias constituíu un modelo para novas escritoras e escritores”, subliñando o peso crecente que a súa figura e obras ten nas novas xeracións. A homenaxe deste xoves unirase a outras que foi recibindo, entre as que destaca a impulsada pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, así coma a publicación do libro colectivo Xela Arias, quedas en nós, coordinado polo pai da poeta, Valentín Arias.
En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. Sobre este volume Chus Nogueira salienta que “a poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica”. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética. (…)
A RAG recoñece igualmente o seu traballo como tradutora. (…)
Ademais, a elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas (coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige) e tomou sempre posición a favor da lingua galega. Así mesmo, traballou en Edicións Xerais entre 1980 e 1996. Igualmente, traballou como mestra no ensino secundario. En novembro do ano 2003 Xela Arias finou dun ataque ao corazón en Vigo, con só 41 anos de idade
En 2019 a plataforma literaria A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras, nunha celebración que incluíu varios actos en Vigo, entre eles un percorrido imaxinario pola súa vida a cargo de Susana Arins. A Sega fixo un convite aberto para que quen o desexase enviase un vídeo, dun minuto como máximo, recitando algún dos poemas de Xela Arias “para (re)descubrila e (re)coñecela”. (…)”