A Real Academia Galega dedicaralle as Letras Galegas 2021 a Xela Arias

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) o Día das Letras Galegas de 2021. O Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta tarde homenaxear o ano que vén a quen foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea. Xela Arias é autora dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida que será celebrada ao longo dun 2021 durante o cal a RAG lembrará ademais o seu labor como editora e tradutora que verteu milleiros de páxinas de clásicos universais ao galego.
Por idade, Xela Arias formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma. Pero a dela é unha desas voces singulares e inclasificables, de tal maneira que —en palabras de Ana Romaní— o seu é un nome que se pronuncia sen xeración.
A protagonista das Letras Galegas 2021 concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte. (…)
No pleno de hoxe tamén se elixiu académica de número a Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará a cadeira vouga polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande. A profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. Ten publicado textos non literarios medievais e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e ademais é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado. En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90 do século pasado. É tamén membro de varias asociacións científicas e preside a Asociación Galega de Onomástica. (…)”