Lois Diéguez: “Por que non podemos pensar que en tanta obra e beleza feita no románico galego non podía haber mestras arquitectas ou escultoras?”

Entrevista a Lois Diéguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A Ribeira Sacra é terra fértil en beleza románica…
– Lois Diéguez (LD): Hai sempre beleza no románico, aínda que non estea moi conseguido nos obxectivos artísticos. Hai canzorros sinxelos que nos mostran máis mundo que os que aparecen como verdadeiras xoias. O touro da igrexa de Lobios, en Sober, esculpido nun capitel do presbiterio, non é tal, senón unha vaca, pero como a Biblia fala de touro pois ha ser iso pola forza; e o León tampouco é tal, senón un can, e comunícannos axiña o amor que unha labrega ou labrego tiña polos animais cos que convivía. Que idea podía ter na Idade media un canteiro ou unha canteira do que era un león ou un touro bravo? Así é a realidade que moitas veces non queremos ou non podemos aprezar na súa profundidade obxectiva.
– ND: Ademais destas dúas igrexas, que outra ou outras recomendaría vostede visitar?
– LD: Mira, realmente todas as que temos alí. Por iso digo que gozo con todo o que se fixo nesa época dos séculos XI, XII ou XIII, enriquecido con outras percepcións de estudosas e estudosos que o miran máis desde un punto de vista histórico ou artístico, como poden ser no caso do románico da Ribeira Sacra, Xaime Delgado, Adolfo de Abel, Flora Enríquez, Nicandro Ares ou Chamoso Lamas, pasando polos meus autores favoritos a nível global na interpretación do símbolo, como Jean Chevalier, Alain Gheerbrant ou Juan G. Atienza.
Pero falando en profundidade daquilo que si me interesa máis polo que me di e emociona, sempre me veñen nostalxias das igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, ou San Fiz de Cangas, ou Santo Estevo de Atán (esta tamén polo topónimo). Sen esquecer outra á que, de mozo, ía co meu tío cura, don Manuel Diéguez para axudarlle na misa e mesmo beberlle o viño de bendicir, doce, que era riquísimo sobre todo tomado en compaña de quince ou vinte curas dos arredores: Pombeiro, San Vicente de Pombeiro. Todas elas riquísimas na súa simboloxía que antecede mesmo á propia ideoloxía cristiá.”