“Odisea do Camiño e da Costa da Morte”

Desde Nós Diario:
“Unha das personaxes que protagonizan as 427 páxinas da primeira novela longa de Suso Lista, Como a roda no muíño (Edicións Embora, 2020), chámase Ulises e durmía entre as libretas do autor de Corme até que, logo de publicar o seu terceiro libro de relatos, “animado pola xente”, conta o propio escritor, “rebusquei entre as anotacións que tiña de tempo atrás”.
E alí estaba el, un fillo da emigración galega en Suíza que á morte dos seus pais queda nunha mala situación e decide viaxar a Galiza a través do Camiño francés a Compostela.
“Máis que aventuras son desventuras as que lle van pasando na viaxe polo Camiño de Santiago”, explica Suso Lista que aclara que Como a roda no muíño é diferente ás publicacións xacobeas ás que estamos afeitas. “Excepto ao Códice Calixtino, que unha vez que o vin respirei tranquilo, porque na comparativa eu non trato peor o Camiño”, asegura.
Este Ulises moderno, e galego, entre moitas peripecias chega até a Costa da Morte, onde orixinalmente o autor tiña a personaxe. E chega para seguir vivindo unhas “aventuras bastante rockambolescas, berlanguianas”, di Lista.
Lembra que el se criou nun cine e que por xeración tamén lle tocou vivir a época do director Luis García-Berlanga (do que en 2021 se fan os 100 anos do nacemento) e do guionista Rafael Azcona, dos que está influído para as súas creacións. Así a súa é unha novela “divertida, a xente vaino pasar moi ben, e ademais é fácil de ler porque vai estruturada segundo as etapas do Camiño, co que se pode deixar e descansar”, explica.
Para engadir que a lectura “vén moi ben neste tempo de pandemia, para quen non realizara o Camiño é unha maneira de facelo e para quen o faga é outra maneira, porque estou seguro que a ninguén lle pasou o que lle pasou a Ulises”.
E o que lle acontece, sen desvelar a trama de Como a roda no muíño, é que “basicamente tenta pasalo ben, pero as cousas non son sempre como un quere”, di o seu creador. Senón que as cousas son cómicas, ou traxicómicas. Mais desta volta “cunha maior carga de humor” que as obras anteriores.
Outra das singularidades desta obra de Suso Lista é que se desenvolveu, dunha maneira distinta ás outras, desde hai catro anos, e “houbo cousas que escribín e logo tiven que dar marcha atrás porque sucederon”.
Un destes eventos foi a iniciativa de Ulises para “que houbese unha lei que prohibise cocer o marisco, e cando xa estaba escrito sae unha lei en Suíza” en relación con cociñar o polbo. E nesa liña ‘Nostradamus’ saen as Brigadas Deseucaliptizadoras, “cando aínda non existían, porque eu non son brigadista pero si un comando especial que leva máis de 30 anos arrincando eucaliptos”, reivindica Lista. E así, o propio Ulises “alaba a iniciativa e quere ir coas brigadas facer a revolución”.
Como a roda no muíño está aínda a chegar ás librarías e neste 2021, até agora tamén marcado pola Covid-19, as presentacións literarias, tal e como as coñeciamos, non se poden producir. Así, o público de Suso Lista deberá estar atento ás redes sociais do autor para non quedar sen o seu exemplar. (…)”