A Sección de Literatura Dramática da AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Xosé Manuel Pazos

A Sección de Literatura Dramática da AELG fai súas as palabras de Afonso Becerra de Becerreá no pasamento de Xosé Manuel Pazos, publicadas na revista Erregueté:

“Malas noticias! Non me gusta nada ter que escribir sobre malas noticias e esta é moi mala. Morreu Xosé Manuel Pazos Varela, compañeiro do Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.
Morreu unha persoa á que lle teño moito aprecio e cariño, polo seu humor e desenvoltura, polo común amor ao teatro, pola mirada cun brillo de ilusión prendida en utopías necesarias. Non coñezo tantas persoas con ese brillo nos ollos.
Uns ollos saltóns, cun aquel entre falcatrueiro e pillabán, capaces de mudar a noite no día. Unha voz inconfundible, cuns graves resoantes e acolledores.
Con Pazos era imposible aburrirse, sempre había anécdotas e proxectos para compartir.
Nas reunións do Consello de Redacción lembro o seu talante xovial, a súa complicidade intelixente, só co xesto e a mirada, case sen necesidade de falar e iso que el era un bo falador, unha persoa co don da conversa.
En fin, Pazos era un tipo xenial, dos que non hai. Ou si, pero… pero non coma el.
Non me gusta nada escribir obituarios, acho que ás persoas hai que quererlles de vivas e que debemos homenaxearnos todo canto poidamos mentres esteamos vivos. Penso que Xosé Manuel Pazos tamén era así, un home de moito traballar, pero tamén de moito desfrutar. Estar con el era, en certo sentido, incluso nunha reunión de traballo, unha festa. Porque era un tipo divertido, sen poses nin engolamentos.
Penso que a morte é un asunto natural, pero fodido, porque a vida é o único que temos e porque é moi difícil aceptar que non poderemos ver a alguén nunca máis. Ou iso é o que me parece a min.
Ás veces, é como se a morte revalorizase ás persoas que leva consigo. Neste caso non creo que o amigo Pazos necesite revalorización ningunha. Quen tivemos a sorte de tratalo, coñecelo e desfrutar coa súa compañía sabemos que, nin o cargo de alcalde de Cangas do Morrazo, nin a súa habelencia como dramaturgo e tradutor de pezas teatrais, fundador da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF) de Cangas e membro, case desde os inicios, hai 37 anos, desta revista… sabemos que non se trata de méritos, nin destes nin doutros, nin de ser o mellor, senón que se trata doutra cousa que ningún obituario pode recoller. Porque, como rezan os versos de Uxío Novoneyra, “O aire ten unha cousa / que se perde se un a conta”.
Lembranzas? Sempre. Fixádevos como era Pazos que eu penso que, se chego a vello, hei seguir lembrándome de moitos momentos compartidos até o final. Incluso daquel obradoiro de dramaturxia posdramática que din hai anos na Mostra de Cangas, ao que asistiu como alumno, xunto ás súas colegas de Teatro de Ningures. Que ben o pasamos! Como desfrutei coa súa ironía e o seu humor, a súa xenerosidade e atrevemento á hora de xogar. Estou a sorrir mentres lembro e escribo, así, por riba, sobrevoando recordos preciosos.
Está o sorriso ao lembrar, pero tamén a tristura.
Hoxe, no día en que escribo isto, chove miudiño sen parar e desde a xanela do Berbés non se albisca Cangas nin Moaña do outro lado da ría. Hoxe morreu o estimado Pazos e non dou creto e fico parado. Hoxe, o día en que se dita que os teatros van pechar, por mor da peste, até finais de febreiro, alén da Candelaría que anuncia a primavera.
Haberá que respirar e tomar alento.
Ímoste botar moito de menos.”