Carlos López Bernárdez: “O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela”

Entrevista a Xosé Carlos López Bernárdez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No fascículo publicado por Nós Diario sobre San Martiño de Foz Aurelia Balseiro sitúa o inicio do románico neste templo. Vostede fai o mesmo, mais agora en referencia ao gótico, na porta occidental da Catedral de Tui. Pode avanzarnos algo sobre isto?
– Xosé Carlos López Bernárdez (XCLB): A catedral de Tui estaba a construírse de acordo cos modelos románicos, como tamén pasaba coa de Ourense. O certo é que a influencia nesa altura en Tui é a das construcións románicas da sé compostelá. A partir de 1180, despois dunha paralización, continúan as obras e xa se altera o trazado para adecualo ao estilo gótico. En concreto, na porta occidental o que temos é unha realidade estética diferente, trátase do primeiro portal gótico peninsular, que foi extraordinariamente analizado por Serafín Moralejo na súa tese de doutoramento Escultura gótica en Galicia (1975). O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela. Realízase arredor de 1225 e introduce fórmulas que teñen como referencia a catedral de Laon, unha construción que está situada no Camiño francés a Compostela e onde se encontran algunhas das primeiras manifestacións do gótico inicial.
– ND: Vostede fala dun programa iconográfico novidoso e moi ligado á Franza. Cais son esas novidades?
– XCLB: Tui presenta novidades formais e temáticas. Formalmente destaca por unha marcada verticalidade, pola maneira de elaborar as figuras das xambas que xa son estatuas e polo tímpano organizado en rexistros superpostos con dinámica narrativa e relevos ligados ao fondo. No lintel e tímpano presenta escenas evanxélicas co tema do encontro entre Cristo e a Igrexa e nestas escenas insírense os primeiros interiores e paisaxes da arte galega. Nas xambas son representadas figuras do Antigo e Novo Testamento, entre elas Salomón e a raíña de Saba. (…)”