Desde a Xunta de Galicia:
“Coa intención de impulsar ao sector da tradución e contribuír á proxección exterior da literatura galega, a Xunta de Galicia vén de lanzar en colaboración coa Residencia Literaria 1863 a primeira edición de Residencia Xacobeo. Trátase dunha iniciativa coa que se apoia aos tradutores literarios que traduzan unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo facilitándolles os medios para facelo desde Galicia. A iniciativa foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a escritora e promotora de Residencia Literaria 1863 Yolanda Castaño.
Como explicou o representante autonómico, este programa enmárcase no traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar aos profesionais. “Era preciso levar a cabo propostas como esta que nos permiten incentivar o extraordinariamente importante labor da tradución literaria ao tempo que promovemos o intercambio internacional e levamos obras literarias galegas por todo o mundo desde o mesmo contexto cultural onde se crearon”, explicou Anxo M. Lorenzo.
O programa Residencia Xacobeo consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 facilitarán ao beneficiario un espazo en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de maio. O beneficiario aloxaranse na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural. O programa incluirá o billete aéreo dende o país do tradutor e dietas para gastos básicos.
A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas. Porque o beneficiario, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo durante o tempo de residencia. Ademais, na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural.
Poderá concorrer calquera tradutor literario maior de 18 anos que elixa unha obra de literatura en galego, en calquera xénero literario, para calquera lingua do mundo. Os proxectos presentados serán sometidos a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Estará composto por profesionais de recoñecido prestixio na tradución e a literatura galega, quen elixirán as mellores candidaturas a este programa en residencia. As solicitudes deberán presentarse antes do día 12 de marzo ás 22:00 no enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com“.