Diana Varela: “Medulia Editorial é unha proposta de compromiso e coherencia co noso País e con nós mesmos”

Entrevista a Diana Varela en EntreNós:
“(…) – Entre Nós (EN): Como xurdiu Medulia e en que ano?
– Diana Varela (DV): Medulia é unha editorial privada e independente que pretende, como obxectivo primordial, a promoción, difusión e dignificación da cultura galega, en diálogo co resto de culturas peninsulares e universais. O proxecto editorial naceu no ano 2014 e foi no 2017 cando nos instalamos no local ubicado na rúa Menéndez Pidal, cun coidadoso deseño feito polo enxeñeiro tamén cormelán, Alexandro Varela. (…)
– EN: Editan libros só en galego?
– DV: Medulia ofrece unha asistencia integral, tanto literaria como xurídica, a calquera autor/a que nos confíe os seus manuscritos desde o momento da entrega ata a publicación, con independencia do seu lugar de procedencia ou idioma. De feito, temos obras publicadas en galego, castelán, francés e mesmo traducións do catalán, do gaélico ou do inglés.
Despois de publicados os libros, continuamos apoiando o seu desenvolvemento e promoción para dotar a cada obra da maior visibilidade e transcendencia posibles. Para o cal o escaparate da rúa Menéndez Pidal é un punto de referencia.
Tal propósito require varios pasos. O primeiro atinxe ao asesoramento: Con frecuencia, os libros chegan “sen rematar”, isto é, sen o necesario axuste e precisión que permita entregalos sen máis á imprenta. Medulia encárgase da análise e corrección dos textos, vendo e solucionando posibles eivas: reiteracións, cacofonías, redundancias, erros lingüísticos e ortográficos, incoherencias argumentais, duplicidades temáticas…, axeitando a estrutura e a montaxe para obter un acabado o máis perfecto posible, tanto nos contidos como na expresión gramatical e estilística.
A segunda fase refírese a elaboración dun exemplar tipo e ás perspectivas de distribución: Medulia encárgase de todo o proceso de impresión (maquetado, pre-impresión, formato, ilustracións da capa e do interior, ton e gramaxe do papel, etc), da presentación de exemplares nas principais librarías do país e da promoción nos medios. En todo este proceso, Medulia escoita e acolle as opinións do autor/a, que se encarga de corrixir as probas recibindo un “exemplar tipo” en todo semellante ao que vai ver a luz, para que exprese a súa conformidade antes de proceder á edición definitiva.
– EN: Que tipo de literatura editan?
– DV: As coleccións veñen únicamente determinadas polo xénero: Medulia Poesía, Medulia Ensaio, Medulia Narrativa, Medulia Teatro…, con carácter unitario, sen outra consideración que non sexa un almagre, un carimbo propio que permita identificar e distinguir os libros de Medulia dos de outras editoriais.
De feito, o nome Medulia, ten diversas connotacións. A primeira de Resistencia Activa, en defensa do propio pero respectando e valorando o alleo. En segundo lugar, alude ao Monte Medulio, pero feminizándoo, co cal amosamos unha evidente toma de postura conceptual e ideolóxica. Medulia é tamén, por afinidade fonética, Médula, isto é centro, nó, esencia…, unha proposta de compromiso e coherencia co noso País e con nós mesmos. (…)”