Darío Gil Arias: “O libro unha palabra: tenrura”

Entrevista a Darío Gil Arias en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Que lembra da súa nai [Xela Arias]?
– Darío Gil Arias (DGA): Xórdenme sempre moitos recordos de moi diferentes ámbitos cando penso na miña nai. A meirande parte deles teñen que ver coa vida cotiá, coa convivencia. Porén, tamén teño recordos das viaxes que facíamos a Formentera ou a Portugal con meu pai ou das actividades que levaba a cabo miña nai na Fundación Nautilus, relacionadas cos movementos Nunca Máis e Non á Guerra.
As lembranzas do seu labor literario son algo máis borrosas para min, aínda que si lembro vela traballar en varias traducións e incluso unha vez levoume a ver como dobraban ao galego un capítulo de Shin-Chan nun estudo en Vigo.
– ND: Como influíu o legado literario da súa nai na súa vida?
– DGA: Pese a que non sinto ningunha inquedanza por comezar unha produción literaria propia, as particularidades da miña nai, así como as do meu pai, leváronme a ter un profundo respecto por todas aquelas persoas que crean ou promoven cultura, e singularmente cando falamos da galega.
Tamén as numerosas visitas a museos e galerías, que tiven a sorte de facer cando viaxabamos fóra da Galiza fixo que tivera inquedanzas culturais diversas, non enfocadas cara a unha única disciplina, polo que o seu legado en min é un pouco o reflexo da súa obra, a mestura de múltiples disciplinas culturais nun diálogo entre iguais.
– ND: Que sentiu cando soubo que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas 2021?
– DGA: Foi un orgullo tremendo. Aínda que esta época está irremediabelmente marcada pola pandemia e podíase pensar que iso desluciría o seu ano, o gran traballo das institucións e editoriais en tan pouco tempo, e cos condicionantes sanitarios tan restritivos, está facendo que todos os proxectos saian cara a adiante e se lembre e celebre o ano da miña nai o mellor posíbel. Toda a familia está encantada.
– ND: Que podemos agardar deste novo libro de Xela Arias [Non te amola!]?
– DGA: É algo especial publicar un inédito de modo póstumo, mais decidimos dar o paso porque ela xa o quixera publicar no seu tempo e por circunstancias externas non se deu.
Ela estaba orgullosa do seu traballo e consideraba que estaba á altura precisa para ser publicado, polo que nos permitimos de boa gana que vise a luz. É algo moi distinto aos seus outros traballos, xa non só por ser prosa, senón porque se trata de contos infantís, que pouco ten que ver coa súa temática habitual. Se houbese que resumir nunha palabra o libro, eu quedaríame con tenrura.
– ND: Como animaría o público a que afonde no traballo de Xela Arias?
– DGA: Por sorte, e grazas ao traballo de moitas persoas e editoriais, hai moita obra da miña nai dispoñíbel. Quizais a poesía non é o estilo máis popular á hora de escoller lectura, pero para todo aquel que lle queira dar unha oportunidade recomendaríalle que comezase con Darío a diario, xa que é un poemario curto, sinxelo, cunha visión diferente da maternidade e que pode servir de primeiro chanzo para familiarizarse coa obra de miña nai, e posteriormente seguir avanzando nela.
Con todo, para todas aquelas persoas afeitas a ler poesía, coido que Tigres coma cabalos é unha obra moi valiosa xa que pon en diálogo os poemas coas fotografías, sendo toda unha pioneira no seu momento.”