Olivia Rodríguez: “O porco de pé é a primeira novela urbana galega moderna”

Entrevista de Xoán Costa a Olivia Rodríguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que é O porco de pé?
– Olivia Rodríguez (OR): É a primeira novela urbana galega moderna e a primeira en recoller as técnicas narrativas que se estaban a ensaiar en Europa e América desde a Fin de Século ata os anos 20. Forma parte do plan literario consensuado no seo do grupo Nós: unha narrativa histórica, obra de Otero Pedrayo; e unha narrativa testemuñal da contemporaneidade, obra de Risco e tamén -coa orixinal mestura artística das Cousas-, de Castelao. Tras o calote da anunciada mancomunidade galega e coa prohibición de toda actividade política, Risco animaba o primeiro día do ano 1928 a Antón Losada a non renunciaren os irmandiños a escribir: “Compre que teñamos pol-o menos unha aitividade literaria: non deixar por dicir nada do que se deba decir, e é moito”.
Risco elixe un enfoque humorístico na liña da caricatura grotesca. Este código de lectura da novela, na que non se mencionan en momento ningún os termos caciquismo nin ditadura-, obedece á necesidade, dada a censura gobernamental, de reflectir oblicuamente un espazo, un tempo e uns personaxes-tipo tomados da realidade galega.
– ND: É un texto vangardista?
– OR: Totalmente e conscientemente vangardista. Risco é o introdutor das correntes de vangarda a través de traducións de literatura estranxeira e mediante artigos-ensaio que el xa publicaba en La Centuria (onde apareceu o seu manifesto de cerna simbolista, “Preludio a toda estética futura”, 1917). Continuará, en A Nosa Terra desde 1918 e en Nós, desde 1920 -entre outras tribunas- , dando a coñecer o que se estaba a facer fóra para incorporalo á nova arte e á nova literatura galega, sen pasar pola alfándega madrileña. As fontes eran maiormente catalás, portuguesas, francesas, centroeuropeas… Mesmo por carta orientou Manoel Antonio, que hoxe representa o cumio dunha vangarda galega e universal.
– ND: Cal é a pervivencia deste texto na actualidade?
– OR: Polo contido da historia, está viva desafortunadamente, pois experimentamos como se encetaron, cos caracteres propios do noso mundo cen anos posterior, algunhas das eivas denunciadas na novela: unha separación cada vez maior entre as castes sociais, un comportamento das elites que as afasta a pasos axigantados do ben común, perda do prestixio da cultura, colonización, barbarie, etc. En fin, sen poñernos pesimistas, é aquí onde ten hoxe sentido positivo a mensaxe da novela, porque é unha chamada á capacidade de sumarmos individualidades conscientes para enfrontarmos colectivamente a todos estes retos.
Pola forma, a novela está viva como modelo de literatura satírica de denuncia e resistencia: unha literatura para rir por non chorarmos, que facilita o coñecemento da realidade, establecendo entre o mundo que representa e nós a distancia emocional necesaria. Risco soubo facelo e ata el mesmo se caricaturizou en O porco de pé creando a figura, un chisco o seu alter ego, do doutor Alveiros, teósofo lanzado á política nacionalista que sucumbe esmagado baixo o símbolo do superporco.”