Presentáronse as Cantigas de Santa María co gallo do 800 aniversario de Afonso X

Desde Galaxia:
“O 30 de xuño celebrouse, ás 12:00 h., no Pazo de San Roque, unha rolda de prensa de presentación do libro Cantigas de Santa María, de Afonso X.
No acto estiveron, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, as medievalistas Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, Armando Requeixo, director da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio volven ás librarías da man de Galaxia cando se cumpren 800 anos do nacemento do seu autor, e fano en versión facsímil dunha edición de 1980. Nela, o mestre Álvaro Cunqueiro, co gallo do recoñecemento da obra de Alfonso X polo día das Letras Galegas dese ano, realizara un prólogo e escolma de poemas, aos que acompañou, ao seu carón, da súa versión en galego moderno.
As cantigas, miragres da Virxe cuxas historias chegaron, como di Cunqueiro no seu prólogo, “dende Constantinopla a Flandes, dende Escocia a Lugo” son de especial importancia para a cultura galega polo feito de que Alfonso X escollese o noso idioma para deixalas para a posteridade. As vinte e tres pezas seleccionadas, de entre as máis de trescentas cincuenta do Libro de María, como o propio rei o chamaba, foron aquelas que Cunqueiro creu que poderían ser de maior interese para os galegos: así, atopamos á Santa María de Lugo, a un romeiro Santiago, ou á donosiñado rei, que “así a chaman os galegos”, segundo di a cantiga.
Esta nova edición do título, que ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, conta tamén con cubertas e ilustracións de Xohán Ledo, quen foi durante máis de trinta anos ilustrador de cabeceira da Editorial Galaxia e que colaborou varias veces noutras obras de Cunqueiro, como Si o vello Simbad volvese ás illas.”