Presentáronse as Cantigas de Santa María co gallo do 800 aniversario de Afonso X

Desde Galaxia:
“O 30 de xuño celebrouse, ás 12:00 h., no Pazo de San Roque, unha rolda de prensa de presentación do libro Cantigas de Santa María, de Afonso X.
No acto estiveron, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, as medievalistas Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, Armando Requeixo, director da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio volven ás librarías da man de Galaxia cando se cumpren 800 anos do nacemento do seu autor, e fano en versión facsímil dunha edición de 1980. Nela, o mestre Álvaro Cunqueiro, co gallo do recoñecemento da obra de Alfonso X polo día das Letras Galegas dese ano, realizara un prólogo e escolma de poemas, aos que acompañou, ao seu carón, da súa versión en galego moderno.
As cantigas, miragres da Virxe cuxas historias chegaron, como di Cunqueiro no seu prólogo, “dende Constantinopla a Flandes, dende Escocia a Lugo” son de especial importancia para a cultura galega polo feito de que Alfonso X escollese o noso idioma para deixalas para a posteridade. As vinte e tres pezas seleccionadas, de entre as máis de trescentas cincuenta do Libro de María, como o propio rei o chamaba, foron aquelas que Cunqueiro creu que poderían ser de maior interese para os galegos: así, atopamos á Santa María de Lugo, a un romeiro Santiago, ou á donosiñado rei, que “así a chaman os galegos”, segundo di a cantiga.
Esta nova edición do título, que ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, conta tamén con cubertas e ilustracións de Xohán Ledo, quen foi durante máis de trinta anos ilustrador de cabeceira da Editorial Galaxia e que colaborou varias veces noutras obras de Cunqueiro, como Si o vello Simbad volvese ás illas.”

Ledicia Costas, Xurxo Lobato ou aCentral Folque entre os distinguidos cos Premios da Cultura Galega

Desde Nós Diario:
“A escritora Ledicia Costas, o fotógrafo Xurxo Lobato, a Federación de Teatro Afeccionado da Galiza (Fegartea), a Central Folque, o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado, o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González Martínez, a Fundación Penzol e a responsábel do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj son as e os galardoados nos Premios da Cultura 2020 da Xunta. Foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior respectivamente.
O xurado destaca a Ledicia Costas como “unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego”. Esta “autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros” salienta especialmente “pola súa inquedanza por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas”. Costas mereceu previamente o Premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura, o Premio Lazarillo ou, en dúas ocasións, o Premio White Ravens polas súas obras A balada dos unicornios e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
A Xurxo Lobato recoñéceno como “un dos fotógrafos máis representativos da actualidade” cunha traxectoria que abrangue “desde o fotoxornalismo ata a fotografía artística”. “A súa obra ofrece unha peculiar imaxe da realidade, un selo profesional e paradigmático que nace dunha mirada subxectiva para ofrecer un diálogo antropolóxico e crítico cos diferentes tempos e estéticas, paisaxes e contextos, retratos e costumes”, agregan os membros do xurado.
A Federación de Teatro Afeccionado da Galiza, Fegatea, naceu hai vinte anos da man de sete grupos de teatro: Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metástase e O Trasno. Hoxe abrangue 53 agrupacións teatrais repartidas en toda a xeografía do país. Defender e promover “o teatro amateur en galego, interconectando o tecido escénico non profesional, e co propósito de fomentar a formación e o intercambio de experiencias” merécelles o galardón na categoría de Artes Escénicas.
En 2000 botou a andar o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, semente da actual aCentral Folque afincada en Compostela. A escola ampliou o seu labor “á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular”. A través do seu selo editorial ten difundido “o pasado, presente e futuro do patrimonio musical e oral galego”. Por todo este traballo recibe o premio na categoría de Música.
Na de Audiovisual o xurado distingue a traxectoria de Chema Prado á fronte da Filmoteca Española, cargo que ocupou entre 1980 e 2016. Previamente, Prado colaborou con Fotogramas, Cambio 16 ou Imagen y Sonido como cronista desde os festivais de Pésaro, Manheim ou Londres. “Apaixonado da fotografía, en particular da polaroid, organiza exposicións por todo o mundo sobre esta temática”.
O dinamizador, “no sentido máis amplo da palabra”, da lingua e da cultura galegas Xosé González é tamén premiado neste 2020. “É, de feito, o creador do primeiro servizo de normalización lingüística da Galiza, no Concello de Redondela, desde o que traballou coa sala do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en varios procesos que derivarían na primeira sentenza en lingua galega en 1985. É fundador, así mesmo, do amplo colectivo Galeguizar Galicia.
O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recae na Fundación Penzol, creada en 1963 cando Fermín Penzol decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temas galegos para que sexa de acceso público”. O fondo abrangue máis de 47.000 títulos de monografías impresas desde o século XV, uns 3.800 títulos de publicacións periódicas ou 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX.
Por último, na categoría de Proxección Exterior distínguese o labor de Ildiko Szijj, responsábel do Centro de Estudos Galegos en Budapest desde 2014. Nesta institución imparte cursos de lingua galega, civilización galega e historia da lingua galega. Ten traducido obras do galego e é membro do comité editorial da publicación Cadernos de lingua, da Real Academia Galega.
A Cidade da Cultura acolleu a reunión do xurado presidido polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, a académica da Real Academia Galega (RAG), Marilar Aleixandre, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade de A Coruña, Cristina López Villar, a profesora, investigadora e escritora Mercedes Brea, o xornalista e escritor Francisco López, o artista Acisclo Manzano e a escritora e comunicadora Elba Pedrosa.”