Rectificar a historia: Unha nova antoloxía para Ricardo Carvalho Calero

Entrevista de Belén Bouzas a Pilar García Negro en Nós Diario:
“”Perguntémonos por que cómpre continuarmos a celebrar Carvalho Calero?”. Eis a cuestión que lanza María Pilar García Negro, profesora e experta na figura deste intelectual galeguista a quen se lle dedicou o ano pasado o Día das Letras Galegas, en Rectificar a historia.
Publicado baixo os auspicios de Laiovento, o libro, que se presentou na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Compostela, deriva dunha dedicación da autora, a través de diferentes formatos e ao longo de moitos anos, a Ricardo Carvalho Calero: “O meu primeiro traballo sobre unha obra súa data de 1981″, conta para Nós Diario García Negro. Este texto inaugural, que trata sobre A xente da Barreira, estaba vinculado á primeira homenaxe que se lle tributou en vida ao escritor, a cargo da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol. Logo, a partir de aí, “a dedicación foi continua”.
A cerna deste volume, que leva como subtítulo “Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero”, sitúase “no inmediato”, na decisión tomada hai un ano por Galiza Cultura, a Federación das asociacións culturais, de non dar por cancelada a celebración de Carvalho Calero no ano 20, á vista de todas as dificultades derivadas da pandemia. Esta Federación solicitara á Real Academia Galega (RAG) a ampliación, a 2021, do Día das Letras para Carvalho, “xa que unha situación excepcional, como a pandemia, xustificaba unha decisión excepcional”, explica García Negro. Mais a petición non foi atendida. Porén, “Galiza Cultura exerceu a súa liberdade e autonomía de actuación” e deu continuidade a esta celebración a través de diversas actividades e publicacións, entre as que se atopa este novo volume.
Rectificar a historia compila vinte colaboracións, escritas pola profesora María Pilar García Negro, “de moi diferente teor”. Nas máis de duascentas páxinas podemos atopar estudos “de nesgo máis formal, máis académicos, se queremos”, ao carón de artigos de prensa, “glosas da súa novela e do seu teatro” ou “un artigo dedicado a explicar o confronto entre as dúas posicións lingüísticas contrarias existentes nos derradeiros anos dos 70 e xa nos 80”, avanza.
“Este libro quer ser unha especie de arquivo portátil sobre a obra e a relevancia e transcendencia do legado de Ricardo Carvalho Calero”, indica. “En certo modo, quer imitar as tres grandes dimensións da obra carvalhiana”: científica, artística e divulgativa. Así, os escritos aquí reunidos tamén atenden estas tres dedicacións. A científica, coa lingua e literatura; a artística centrada en dous dos xéneros que cultivou, como a narrativa e o teatro; e a divulgativa, “con especial énfase na sociolingüística e nas súas abondosas colaboracións xornalísticas, que foron totalmente oportunas, moi atentas á realidade daquela derradeira década de vida del e que manteñen ademais toda a súa vixencia”, asevera a autora.
Os artigos que compoñen Rectificar a historia son, para García Negro, a amostra dunha “dedicación agarimosa e admirativa á persoa e á obra carvalhiana, moito antes e fóra de calquer celebración institucional”. “Non incluín todo o que tiña escrito sobre Carvalho Calero, mais preparei unha selección co que me semellou máis interesante e máis digno de ser coñecido nestes tempos”, valora. (…)”