Rectificar a historia: Unha nova antoloxía para Ricardo Carvalho Calero

Entrevista de Belén Bouzas a Pilar García Negro en Nós Diario:
“”Perguntémonos por que cómpre continuarmos a celebrar Carvalho Calero?”. Eis a cuestión que lanza María Pilar García Negro, profesora e experta na figura deste intelectual galeguista a quen se lle dedicou o ano pasado o Día das Letras Galegas, en Rectificar a historia.
Publicado baixo os auspicios de Laiovento, o libro, que se presentou na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Compostela, deriva dunha dedicación da autora, a través de diferentes formatos e ao longo de moitos anos, a Ricardo Carvalho Calero: “O meu primeiro traballo sobre unha obra súa data de 1981″, conta para Nós Diario García Negro. Este texto inaugural, que trata sobre A xente da Barreira, estaba vinculado á primeira homenaxe que se lle tributou en vida ao escritor, a cargo da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol. Logo, a partir de aí, “a dedicación foi continua”.
A cerna deste volume, que leva como subtítulo “Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero”, sitúase “no inmediato”, na decisión tomada hai un ano por Galiza Cultura, a Federación das asociacións culturais, de non dar por cancelada a celebración de Carvalho Calero no ano 20, á vista de todas as dificultades derivadas da pandemia. Esta Federación solicitara á Real Academia Galega (RAG) a ampliación, a 2021, do Día das Letras para Carvalho, “xa que unha situación excepcional, como a pandemia, xustificaba unha decisión excepcional”, explica García Negro. Mais a petición non foi atendida. Porén, “Galiza Cultura exerceu a súa liberdade e autonomía de actuación” e deu continuidade a esta celebración a través de diversas actividades e publicacións, entre as que se atopa este novo volume.
Rectificar a historia compila vinte colaboracións, escritas pola profesora María Pilar García Negro, “de moi diferente teor”. Nas máis de duascentas páxinas podemos atopar estudos “de nesgo máis formal, máis académicos, se queremos”, ao carón de artigos de prensa, “glosas da súa novela e do seu teatro” ou “un artigo dedicado a explicar o confronto entre as dúas posicións lingüísticas contrarias existentes nos derradeiros anos dos 70 e xa nos 80”, avanza.
“Este libro quer ser unha especie de arquivo portátil sobre a obra e a relevancia e transcendencia do legado de Ricardo Carvalho Calero”, indica. “En certo modo, quer imitar as tres grandes dimensións da obra carvalhiana”: científica, artística e divulgativa. Así, os escritos aquí reunidos tamén atenden estas tres dedicacións. A científica, coa lingua e literatura; a artística centrada en dous dos xéneros que cultivou, como a narrativa e o teatro; e a divulgativa, “con especial énfase na sociolingüística e nas súas abondosas colaboracións xornalísticas, que foron totalmente oportunas, moi atentas á realidade daquela derradeira década de vida del e que manteñen ademais toda a súa vixencia”, asevera a autora.
Os artigos que compoñen Rectificar a historia son, para García Negro, a amostra dunha “dedicación agarimosa e admirativa á persoa e á obra carvalhiana, moito antes e fóra de calquer celebración institucional”. “Non incluín todo o que tiña escrito sobre Carvalho Calero, mais preparei unha selección co que me semellou máis interesante e máis digno de ser coñecido nestes tempos”, valora. (…)”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 10 de agosto

O 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Presentación de Catas na memoria. A persecución franquista no Val Miñor, de Carlos Méixome, publicado por Laiovento.
18:30 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.
19:30 h. Presentación de Aniñar en neve, de Ana Ramil, publicado por Espiral Maior. Participan, xunto á autora, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Carlos Méixome presenta Catas na memoria.
20:30 h. Pilar García Negro asina exemplares de Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, publicado por Alvarellos, e Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, publicado por Laiovento.
20:30 h. Xavier Queipo asina exemplares O paso do noroeste, publicado por Aira, e Corazón de manteiga, publicado por Galaxia.
20:30 h. Ana Ramil asina Aniñar en neve.

A Coruña: presentación de de Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, de Pilar García Negro

Para poder asistir a esta presentación cómpre inscribirse enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com

Ferrol: actos destacados do 23 de abril na Feira do Libro 2021

O 23 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:30 h. Inauguración oficial. Pregón a cargo de Henrique Dacosta.
17:00 h. Luís G. Soto e Tareixa Roca asinan Carvalho sempre. Alustres de vida e obra, publicada por Espiral Maior.
18:00 h. Paula Merlán asina A troglodita, publicado por Triqueta Verde.
20:00 h. Xurxo Souto asina exemplares de O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais, e Pangalaica, publicado por Galaxia.
20:00 h. Pilar García Negro asina Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, publicado por Laiovento.