Paseos pola Coruña Literaria Outono 2021, con Antonio Manuel Fraga, o 16 de outubro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecer unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– A inscrición, previa e obrigatoria, farase exclusivamente desde o luns anterior a cada paseo no correo inscricionslingua@coruna.gal indicando no asunto “Inscricións Paseos”
Número máximo de participantes por paseo: 25.
– Todos eles comezarán ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
– A pesar de ser unha actividade exterior, as persoas deberán empregar máscara nos momentos nos que, para atender as explicacións, se deba permanecer de pé, e respectaranse as distancias de seguridade e o resto das medidas anti-Covid.

Os paseos son os seguintes:

Sábado 16 de outubro: Antonio Manuel Fraga. Un roteiro sensitivo cara a santoamaro. Inscricións a partir do 11 de outubro.
Destinado a persoas de 12 anos en adiante.
Un verán componse de vivencias que procesamos a través dos sentidos. Aquel verán sinalado en vermello como “o verán das nosas vidas” fórmase a través de imaxes; mais tamén de sons como os da música que escoitamos; dos distintos olores que ateigan o aire estival; do sabor da comida que, nesa época, sabe mellor; do tacto da area, do mar, das peles…

Sábado 6 de novembro: Andrea Maceiras. Un océano azul tinta: a LIX a través do mar.
Destinado a persoas de 12 anos en adiante.
O océano Atlántico é de cor azul tinta. Se cadra por iso aparece en tantas obras da nosa LIX, como paisaxe, como personaxe ou como símbolo. Este paseo pola beira do mar é a escusa perfecta para falar de libros infantís e xuvenís con recendo a salgado, de historias que suceden nas nosas costas, de rebeldía e de soños, de emocións axitadas ao compás das mareas. Unha breve panorámica da nosa LIX co mar como eixo.

Sábado 20 de novembro: Érica Esmorís. Patio de luces.
Recoméndase a familias con nenas e nenos a partir de 7 anos e público adulto.
Visitaremos dous patios de luces, un deles o que inspirou a novela Patio de luces, gañadora do premio Cidade de Málaga 2020 de Anaya. A través do xogo para espertar a imaxinación e a lectura de diversos parágrafos, poderemos coñecer os máis peculiares e famosos veciños e veciñas que viviron en diversas comunidades de veciñanza.

Sábado 27 de novembro: Imma António Souto. Irmandades teatrais.
Destinado a público a partir de 16 anos.
Un percorrido desde a necesidade da escrita dramática sinalada polas Irmandades da Fala ao cuestionamento do rol do teatro na nosa sociedade actual. Sería, con todo, un percorrido sentimental polas experiencias teatrais da dramaturga pola súa cidade natal, deténdose no propio anecdotario como actriz, dramaturga e voz necesaria para visibilizar as mulleres dentro do mundo teatral galego.