Artigo de Marta Otero en La Opinión:
“Un canto de amor ao verán, un paseo á beira do mar, unha incursión ao mundo dos patios de luces e unha revisión ao teatro das Irmandades da Fala compoñen a nova edición de outono dos Paseos pola Coruña literaria, que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, convoca dúas veces ao ano co obxectivo de sacar a literatura das páxinas dos libros e botala á rúa.
Nesta ocasión, como vén sendo habitual, os propios autores guiarán aos presentes a través dos enclaves coruñeses que compoñen as súas obras, mais a nova edición propón unha novidade: neste caso, os roteiros abren a participación a todo rango de idades, pois o roteiro Patio de luces, conducido por Érica Esmorís, está recomendado a familias con nenos e nenas a partir dos 7 anos.
O escritor coruñés Antonio Manuel Fraga abriu a actividade con Un roteiro sensitivo cara a santoamaro, baseado no seu libro santoamaro, gañador do premio Jules Verne. “Antonio Manuel Fraga vai facer un roteiro sensitivo e baseado nas vivencias deses adolescentes nesa praia, e todo o que profesaban os seus sentidos”, explica Beatriz Maceda, vogal na Coruña da Asociación de Escritoras e Escritores. Os sons da música, os olores do verán e o tacto da area guiarán, ao seu xeito, o paseo, que trasladará a acción á praia que dá nome ao libro do escritor coruñés.
Os roteiros están abertos á veciñanza con previa inscrición, mais desde a AELG advirten de que só dirán o punto de partida e o percorrido a aqueles que chamen para apuntarse, xa que as prazas son limitadas e, por prudencia ante a situación sanitaria, a organización decidiu adoitar a medida ante a posibilidade de que se formen aglomeracións. As inscricións poderán formalizarse dende o luns anterior a cada actividade no enderezo inscricionslingua@coruna.gal indicando no asunto Inscricións Paseos.
A autora Andrea Maceiras será a encargada de guiar o seguinte roteiro, Un océano azul tinta: a LIX a través do mar, que explora a relación do océano como personaxe, paisaxe ou símbolo coa literatura galega. “É a escusa perfecta para falar de libros infantís e xuvenís con recendo a salgado, de historias que suceden nas nosas costas, de rebeldía e soños”, adiantan.
O 20 de novembro, continuará a actividade con Patio de luces, un paseo conducido por Érica Esmorís arredor dos patios de luces que inspiraron a súa obra homónima, gañadora do premio Cidade de Málaga 2020, de Anaya. “O paseo percorrerá dous patios de luces, especialmente un deles, ubicado na zona do Agra, onde ela viviu de pequena e de onde sacou esa historia que conta na súa obra”, engade Maceda.
Este roteiro, a diferenza dos outros, recomendados a persoas maiores dos 12 anos, está dirixido a a familias con nenos a partir dos 7 anos, como un xeito de incorporar aos paseos idades cada vez máis temperás. A actriz Imma António Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro, será a encargada de pechar a edición de outono da iniciativa co paseo Irmandades teatrais, que se celebrará o próximo 27 de novembro, e estará destinada a un público adulto a partir dos 16 anos.
“É un percorrido desde a necesidade da escrita dramática e o cuestionamento do rol do noso teatro no mundo actual, partindo da aportación que fixeron ao teatro as Irmandades”, sinala Beatriz Maceda.”