Desde Nós Diario:
“A peza teatral Como agullas finas cravadas no pescozo, da lingüista e autora María Caíña Hurtado, vén de facerse co primeiro premio Selic de creación literaria que convocou o Concello de Compostela e que xa van pola cuarta edición. Así mesmo, o xurado do certame escolleu a novela Os acios tardegos de Antonio Piñeiro Fernández como merecedora do accésit. A “singularidade” deste galardón é, segundo a concelleira de Acción Cultural da cidade, Mercedes Rosón, o seu obxectivo, pois pasa por “enriquecer o patrimonio literario de Compostela en lingua galega”.
Tanto novela como teatro obtiveron a súa valoración dado que os premios están centrados na creación literaria en xeral. Así se puido ver na entrega dos galardóns desta terza feira, na que tamén participou a escritora Marilar Aleixandre en representación de todo o xurado. Pola contra, Caíña Hurtado tivo que estar presente a través dunha videochamada.
Do proxecto gañador, que leva 6.000 euros, destacouse a “habelencia dramatúrxica na construción do argumento”. A creadora María Caíña, “logra que funcione de forma suxestiva a superposición de dúas dimensións temporais e a alusión metateatral”.
Así mesmo, para o xurado, Como agullas finas cravadas no pescozo é quen de abordar “con sutileza e intelixencia” o tema da violencia machista e as “difíciles relacións familiares”.
Para Antonio Piñeiro foi o accésit, cunha dotación económica de 1.500 euros, posto que se considera que combinou habilmente “a historia da elaboración dun códice miniado na Compostela do século XVI, coa dun investigador da época actual seducido pola idea de transformar o obxecto dos seus estudos nunha novela”.
No acto desta terza feira, 21 de decembro, tamén se aludiu á “traslatio dos restos do Apóstolo e as interpretacións da mesma” como parte desa interesante peza creada polo profesor de Historia no ensino público, ademais de escritor. “