Entrevista de Antón Escuredo a Beatriz Maceda Abeleira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como afrontou a realización do manifesto do Día de Rosalía da AELG?
– Beatriz Maceda Abeleira (BMA): Recibino como unha honra. Era honrar a quen tanto nos honrou. Rosalía é unha icona para a literatura moderna galega. Levamos moitos anos con manifestos por esa data e entendín que era difícil ser orixinal. Centreime en como sería Rosalía se vivise hoxe.
Desde o meu humilde punto de vista o que máis falta na sociedade actual é pensamento e reflexión. Pensei que Rosalía, se vivise, falaría deste tema, unha cuestión da que xa falara no seu momento. Relacioneino coa súa flor preferida, os pensamentos, facendo un dobre xogo que nos levaría á ética que estamos perdendo.
Nun manifesto non se pode lembrar todas as mulleres mais quixen recordar as nosas devanceiras. Non debemos esquecer o pasado para poder facer un presente e un futuro mellor. É algo urxente nestes momentos tan insolidarios, cun capitalismo tan atroz e individualista, cando Rosalía non o era. Foi rompedora e estaba sempre coa xente máis humilde. A través dos seus poemas situounos na sociedade galega da súa época desde un punto de vista feminista. Tentei provocar ese pensamento.
– ND: Quedan aspectos por actualizar da figura de Rosalía de Castro?
– BMA: Si. Hai unha imaxe de Rosalía que pouco a pouco imos rachando na sociedade, que era triste e melancólica. Creo que era todo o contrario. Para min era atrevida, ousada. O tema da melancolía vén da propia paisaxe galega e, en todo caso, sería reflexiva.
Niso están as publicacións que dos últimos anos, como as da Fundación Rosalía de Castro ou Pilar García Negro, que dan a visión dunha Rosalía forte fronte á idea dunha muller débil. Tivo valentía para escribir o que escribiu no seu momento. Debemos axudar a entendela e interpretala.
– ND: A sociedade actual interiorizou esta nova imaxe de Rosalía?
– BMA: Pouco a pouco estase a conseguir. Eu son optimista. A AELG, que leva moitos anos realizado o Día de Rosalía e foi a gran promotora desta homenaxe, ten sacado moitos carteis cunha imaxe moi moderna e actualizada. Agora está pensando en facer obradoiros nos centros educativos que transmitirán, a través da música e do feminismo, unha Rosalía moderna.
Os centros educativos son fundamentais neste labor. Son os que máis realizan actos o Día de Rosalía. Todas as crianzas están a coñecer a Rosalía desde unha perspectiva feminista, de muller que contemplaba todos os eidos da sociedade e que foi rompedora no seu momento. Será, iso si, un proceso lento. Vivimos nun momento de rapidez nas noticias e nos traballos que se fan e falta de dedicarlle tempo á lectura.
Por outro lado, están a saír moitos grupos de rapazas e rapaces que cantan versións de Rosalía moi contemporáneas. En todo caso habería que apoialos. O ensino é o mellor vehículo. Aínda así, os programas literarios que hai nos centros educativos ou son obsoletos ou transmítense de maneira obsoleta.
– ND: Debería coñecerse máis o seu período histórico?
– BMA: O maior perigo que corremos é que se está a mentir e transformar a historia. Hai un problema no ensino, non se dá chegado á historia contemporánea. Non teño nada en contra da Prehistoria mais neste momento é máis oportuno comezar pola Historia Contemporánea e ir avanzando cara ese período.
Teño na mente unha anécdota que me aconteceu na rúa. Atopei un grupo de rapazas e rapaces que paseaban cantando o “Cara al sol”. Pareime e pregunteilles se sabían o que cantaban e non tiñan nin idea. Cando lles expliquei o seu significado causoulles abraio e comentaron que estaban en contra desas ideas. Temos un ensino obsoleto que non conecta co alumnado actual.”