Medos Romero: “O que hai tempo doeu tanto, hoxe dá o seu froito en forma de beleza”

Entrevista de Héctor J. Porto a Medos Romero en La Voz de Galicia:
“(…) Non acaba de chegar cos seus lapiseiros no estoxo e os seus cadernos a petar na porta do Parnaso. Leva moitos anos Medos Romero (Somede, As Pontes, 1959) escanciando versos, dándolle á palabra unha e outra vez e delicadamente co esmeril, sen que asome un aceno de impaciencia no seu rostro. Iso a pesar de que en moitos momentos acosábana as dúbidas, as incertezas, albiscando que «quizais non había espazo» para a súa poesía. Pois ben, algún lugar debe haber. Só era cuestión de saber agardar. E niso non hai quen lle dea leccións. O seu último libro, E o sol era Ela, que xa acadara o galardón que promoven Afundación e o Centro PEN de Galicia, mereceu este sábado o recoñecemento do Premio Nacional da Crítica Literaria 2022 na modalidade de poesía en galego.
Romero confésase gratamente sorprendida, agasallada por unha distinción na que nunca pensara, nin esperaba, que a colleu na casa, nas ocupacións domésticas. E que «aínda hai pouco desfrutaba da felicidade do premio Afundación», engade. Pero tamén se sente agradecida polo que supón de confirmación de que os seus poemas atopan eco, e lonxe.
E isto, obviamente, non ten que ver que fora en Valencia onde o presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Fernando Valls, anunciou o fallo. Refírese a autora a que este libro seu é moi persoal, ten «unha temática diferenciada», incorpora «moita carga vital», e non sempre pensou en que sería ben recibido, ben entendido: «É cousa tan íntima que resulta difícil de interpretar desde fóra». De feito, insiste, percibiu nalgunha crítica interpretacións que non estaban, «para nada», na súa intención cando escribía. «Pero tamén acepto que estando o libro en mans alleas, xa é o lector o dono dos significados. Desde que o len os outros, o libro deixa de ser meu», asume.
Os de E o sol era Ela son poemas que impactan, aclara, nos que a palabra preme para que unha experiencia dura sexa reconvertida en fermoso canto. Porén, comprende que non todos os seres humanos reaccionan igual ante unha experiencia complexa, e «non todos están na obriga de vivenciala igual, como un abandono, sen adobíos».
Sabe ben do que fala. Porque este poemario ten unha contundente carga autobiográfica. Ela, sendo nena, sentiuse abandonada polos seus proxenitores, que marcharon á emigración deixándoa ao cargo da familia. «Estes versos parten dunha experiencia propia moi amarga, que só cheguei a superar co tempo a través dun traballo terapéutico profesional profundo. O que quixen dicir co libro é que se falla a proteína do amor na nenez non es quen de desenvolverte como persoa, de ter autoestima suficiente para saír adiante. Detrás desta escrita hai un labor fondo de escavación cara a dentro». Medos Romero viviu a súa circunstancia de carencia de amor dos pais cunha sensación absoluta de abandono. «Chegas a crer que non tes dereito, que non es nada. Para saír dese estado abisal, botei moitas horas de diván. É aí onde ha de agromar o poema: só co paso dos anos podes retomar aqueles sentimentos, volver sobre aquilo que che fixo tanto mal, unha vez solventada esa ferida», detalla.
«É ben curiosa a vida —incide leda—, o libro que me fai máis feliz está firmemente sustentado pola amargura e o sufrimento. O que hai tempo doeu tanto, hoxe dá o seu froito en forma de beleza e amor, de celebración da vida», festexa a poeta. (…)