Arquivos da etiqueta: E o sol era Ela
Medos Romero: “O que hai tempo doeu tanto, hoxe dá o seu froito en forma de beleza”
Entrevista de Héctor J. Porto a Medos Romero en La Voz de Galicia:
“(…) Non acaba de chegar cos seus lapiseiros no estoxo e os seus cadernos a petar na porta do Parnaso. Leva moitos anos Medos Romero (Somede, As Pontes, 1959) escanciando versos, dándolle á palabra unha e outra vez e delicadamente co esmeril, sen que asome un aceno de impaciencia no seu rostro. Iso a pesar de que en moitos momentos acosábana as dúbidas, as incertezas, albiscando que «quizais non había espazo» para a súa poesía. Pois ben, algún lugar debe haber. Só era cuestión de saber agardar. E niso non hai quen lle dea leccións. O seu último libro, E o sol era Ela, que xa acadara o galardón que promoven Afundación e o Centro PEN de Galicia, mereceu este sábado o recoñecemento do Premio Nacional da Crítica Literaria 2022 na modalidade de poesía en galego.
Romero confésase gratamente sorprendida, agasallada por unha distinción na que nunca pensara, nin esperaba, que a colleu na casa, nas ocupacións domésticas. E que «aínda hai pouco desfrutaba da felicidade do premio Afundación», engade. Pero tamén se sente agradecida polo que supón de confirmación de que os seus poemas atopan eco, e lonxe.
E isto, obviamente, non ten que ver que fora en Valencia onde o presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Fernando Valls, anunciou o fallo. Refírese a autora a que este libro seu é moi persoal, ten «unha temática diferenciada», incorpora «moita carga vital», e non sempre pensou en que sería ben recibido, ben entendido: «É cousa tan íntima que resulta difícil de interpretar desde fóra». De feito, insiste, percibiu nalgunha crítica interpretacións que non estaban, «para nada», na súa intención cando escribía. «Pero tamén acepto que estando o libro en mans alleas, xa é o lector o dono dos significados. Desde que o len os outros, o libro deixa de ser meu», asume.
Os de E o sol era Ela son poemas que impactan, aclara, nos que a palabra preme para que unha experiencia dura sexa reconvertida en fermoso canto. Porén, comprende que non todos os seres humanos reaccionan igual ante unha experiencia complexa, e «non todos están na obriga de vivenciala igual, como un abandono, sen adobíos».
Sabe ben do que fala. Porque este poemario ten unha contundente carga autobiográfica. Ela, sendo nena, sentiuse abandonada polos seus proxenitores, que marcharon á emigración deixándoa ao cargo da familia. «Estes versos parten dunha experiencia propia moi amarga, que só cheguei a superar co tempo a través dun traballo terapéutico profesional profundo. O que quixen dicir co libro é que se falla a proteína do amor na nenez non es quen de desenvolverte como persoa, de ter autoestima suficiente para saír adiante. Detrás desta escrita hai un labor fondo de escavación cara a dentro». Medos Romero viviu a súa circunstancia de carencia de amor dos pais cunha sensación absoluta de abandono. «Chegas a crer que non tes dereito, que non es nada. Para saír dese estado abisal, botei moitas horas de diván. É aí onde ha de agromar o poema: só co paso dos anos podes retomar aqueles sentimentos, volver sobre aquilo que che fixo tanto mal, unha vez solventada esa ferida», detalla.
«É ben curiosa a vida —incide leda—, o libro que me fai máis feliz está firmemente sustentado pola amargura e o sufrimento. O que hai tempo doeu tanto, hoxe dá o seu froito en forma de beleza e amor, de celebración da vida», festexa a poeta. (…)
Tabela dos libros. Abril de 2022
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Premios da Crítica Española para Diego Ameixeiras e Medos Romero
Desde Nós Diario:
“Os Premios da Crítica concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) recoñeceron as obras de Diego Ameixeiras O cervo e a sombra e de Medos Romero E o sol era Ela como mellor novela e mellor poemario respectivamente.
A novela de Ameixeiras está protagonizada por Mateo, un traficante que tenta saír adiante vendendo cocaína e deixándose enredar en estraños negocios por un vello amigo co que se sente en débeda. Unha mestra xubilada que xa non pode levarlle flores ao seu irmán morto, un sacerdote que anos atrás o axudou a desintoxicarse e agora insiste en solucionarlle as dúbidas de fe, e un grupo de anarquistas que okupa e rehabilita un vello edificio, rodean a Mateo e mostran o singular sentido do noir do autor, que adoita debruzarse sobre personaxes perdedores outorgándolles unha dignidade que a sociedade lles nega.
E o sol era Ela, de Medos Romero, escava na infancia da autora centrándose na perda de conexión coa natureza na sociedade moderna, cunha empatía que logra unir a vindicación ecolóxica co sentimento de perda polo mundo rural tradicional, a nostalxia pola ruptura da infancia coa celebración da vida e da irmandade entre os seres vivos. A obra de Romero fora gañadora do Premio de Poesía Afundación, cuxo xurado destacara que regresa á natureza non nun sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina”.
Os premios tamén recoñeceron en catalán, a novela Els angles morts (Os ángulos mortos), de Borja Bagunyà, e o poemario La vista als dits (A vista nos dedos), de Joan Todó. En éuscaro, foron a novela Izurdeen aurreko bizitza (A vida anterior dos golfiños), de Kirmen Uribe, e o poemario Gu gabe ere (Incluso sen nós), de Itziar Ugarte Irizar. E en castelán, a novela tríptico Infierno, Purgatorio, Paraíso, de Jordi Ibáñez Fanés e o poemario Incendio mineral (Vaso Roto), de María Ángeles Pérez López.
Esta edición, ademais, incluíu como novidade a modalidade en lingua estranxeira, que obtivo a novela Hamnet, da autora irlandesa Maggie O’Farrell.”
Ferrol: Gala de entrega do XIX Premio de poesía Afundación a Medos Romero
O 9 de decembro, ás 19:00 horas, na Sede Afundación de Ferrol (Praza da Constitución, s/n.), terá lugar a gala de entrega do Premio de Poesía Afundación a Medos Romero por E o sol era ela. No acto a gañadora recitará algúns poemas e proxectarase unha videocreación inspirada en A espera, de Argüelles, unha peza da Colección de Arte Afundación, cuxa imaxe ilustra a sobrecuberta do libro. As persoas interesadas deben inscribirse previamente aquí.
Medos Romero vence na XIX edición do Premio de Poesía Afundación con E o sol era ela
Desde El Progreso:
“A escritora Medos Romero resultou elixida como gañadora da XIX edición do Premio de Poesía Afundación co seu poemario E o sol era ela, elixida entre un total de 42 obras inéditas presentadas ao concurso.
O fallo do xurado, composto polos escritores Pablo Rubén Eyré, Concepción Prado Baña, Míriam Ferradáns, Xabier Castro Martínez e Luís González Tosar; foi dado a coñecer na sede de Afundación en Santiago.
O xurado recoñece o poemario de Medos Romero como un “percorrido vital na procura de si mesma” a través dunha obra que “foxe da retórica e regresa á natureza non nun sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina”.
Tamén destaca de E o sol era ela o seu dominio do ritmo e a contención, así como o seu aposto por “finais abertos, sorpredentes e mesmo paradoxais”.
Os promotores do certame, no que colabora a Xunta, destacaron o nivel das 42 obras inéditas presentadas a un concurso que o próximo ano celebrará a súa vixésima edición. (…)”