Marcos Calveiro: “O meu orgullo sería que alguén, despois de ler esta novela, decidise investigar sobre Curros”

Entrevista de Antón Escuredo a Marcos Calveiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como foi a experiencia de introducirse no mundo de persoeiros e personaxes históricos?
– Marcos Calveiro (MC): Recoñezo que foi un pouco casualidade. Estaba documentándome para outra novela que quería escribir e descubrín esa mítica e case lendaria viaxe de Curros Enríquez a Londres. Ao parecer estivo alí oito ou nove meses, aínda que non hai acordo na data en que foi nin nos motivos que tivo para realizala. Pareceume unha idea bastante atractiva e pregunteime que estaría a facer alí.
Comecei a darlle voltas á idea e Holmes apareceu despois indagando na actualidade dese momento nese país. Era o período vitoriano e pensei que podía estar en Londres buscando acontecementos e o detective por antonomasia nese mesmo período era Holmes. Eu son seguidor das súas novelas e hai moi pouca información mais hai constancia de que Conan Doyle nalgunha das súas obras falaba de que na súa adolescencia viviu perto do British Museum, lugar que visitaba para estudar as ciencias que lle interesaban. Ese foi o nexo que atopei para que se encontraran. Un Holmes adolescente investigando cun Curros de 20 anos… así naceu a idea.
Logo a relación con Karl Marx veu por adoitar escribir na sala circular desa institución. Naquel momento estaba redactando a segunda parte d’O Capital que se publicaría postumamente e tiven a idea de pensar que llo roubaban e desa maneira coñécense os tres. A ocorrencia pareceume divertida e paseino moi ben escribíndoa.
Igual senta mal a algún ortodoxo de Curros mais coido que o meu retrato quedou ben. As súas opinións políticas posteriores están recollidas no libro, cando discute con Marx sobre política. Tirei moito da súa poesía e da súa obra para metelo na novela, pensando que chegará a un público adolescente que estuda un Curros en Literatura Galega en branco e negro, algo que lle queda lonxe. É unha forma de achegarse a un autor clásico da nosa historia de maneira atractiva.
– ND: Conta con que a lectora ou o lector teña información previa dos protagonistas da novela?
– MC: Nas miñas novelas sempre mesturo persoeiros históricos con personaxes de ficción. O meu maior orgullo sería que alguén, despois de ler esta novela, decida investigar sobre Curros. Mesmo unha rapaza ou un rapaz que non o coñecera previamente. Procurei facer un personaxe atractivo para que despois se decidan a entrar na súa poesía. Sería o éxito da novela.
Recoñezo que na obra hai un percorrido polos pubs e algunha borracheira ademais dalgunha visita a un local pouco recomendábel, mais son persoeiros da nosa historia e tamén homes e mulleres. Como calquera de nós cunha vida normal. Non hai que santificalos e sacralizalos. Esta novela é unha maneira de desmitificalos un pouco. (…)