Entrevista de Antón Escuredo a Francisco Castro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Gusta do formato do relato para contar historias?
– Francisco Castro (FC): Para min é un dos xéneros máis agradecidos para un escritor e tamén un dos máis difíciles de levar a cabo. Sobre todo para os que somos novelistas e nos gusta ter páxinas infinitas para contar algo.
O relato é un formato agradábel de ler, agradábel de escribir e gustaríame que o meu relato conseguise aquilo que dicía Cortázar de que, unha vez que rematas a lectura, xa non es o mesmo.
– ND: No relato que publica Nós Diario aborda o ascenso da ultradereita. Xa ten tratado anteriormente.
– FC: Si, agora mesmo o ascenso da ultradereita é o tema que máis me angustia. Sobre todo a impunidade absoluta coa que se está impondo un relato fascista na sociedade que fai que cada vez, e con máis naturalidade, este tipo de propostas ocupen máis espazo nas institucións.
O nivel de retroceso que se albisca aí realmente tenme moi preocupado. Por iso creo que tamén desde a literatura temos que contribuír a amosarlle á sociedade os posíbeis perigos de darlle opcións políticas a esas tendencias.
– ND: Daquela considera que a sociedade precisa desa implicación da intelectualidade galega para visibilizar ese e outros problemas?
– FC: Por suposto. Como explico no meu primeiro ensaio e último libro Isto SI é un home. Unha mirada masculina contra o patriarcado, creo que, en xeral, a intelectualidade galega está moi calada fronte á ultradereita. Sei que pode ser polémico que diga isto mais quero insistir que, en xeral, as escritoras e os escritores, intelectuais e académicos así como toda a xente da cultura está excesivamente calada diante do ascenso fascista. Cada un e cada unha saberá como se quere posicionar.
– ND: Cal é a razón dese silencio?
– FC: Creo que cada un terá que responder no seu momento sobre cal é a razón dese silencio. Ao igual que nós estamos preguntando agora á xente que foi moza durante o franquismo se estaban daquela pelexando polo cambio político ou se estaban tranquilamente na súa casa rañando a barriga, creo que nuns anos preguntaranlle a moita xente da cultura galega que estaban facendo cando a ultradereita subía.
Eu, desde logo, sei que responderei que estiven pelexando contra eles. Cada un que responda dos seus actos.”