“As nais saen do armario e elevan a literatura galega”

Artigo de Ana Abelenda en La Voz de Galicia:
“A reflexión en torno á maternidade, a escolla de ter ou non ter fillos, é xa un relato central nas nosas letras. Hai desexo, conciencia, reflexión e debate. Elas aleitan outra forma de rebeldía. (…)
Ser nai ou non ser nai é a cuestión, é cuestión candente na literatura. Como muro para conter a forza das novas propostas en torno a ela, resiste ben armado o canon dun sistema que mira para outro lado ou observa, ollos mouchos, como se afonda no discurso. Elas seguen no seu, creando, desbotando o canon.
Nos últimos anos, a maternidade botou a andar pasiño a paso cara ao centro do relato, a defender o seu oco sen ollarse no espello doutros, sen temer a represalia, sen pedir permiso. Ese lugar é un útero, que se dilata e dá vida a unha diversidade de fillas, visións sobre a muller en relación coa súa liberdade, co embarazo, o parto e a crianza, dende a descuberta á fin de que a realidade supera toda ficción herdada e os ditames ata a reflexión sobre novas formas de crianza ou a decisión de non traer fillos ao mundo.
As nais e as non nais non se perden no backstage literario, saen ao encontro, cunha literatura diversa. Só para nais e non nais, de mulleres? Non debera… (…)”