Arancha Nogueira: “Vivimos nun momento dunha instantaneidade tan tremenda que altera os nosos estados de ánimo”

Entrevista de Ana G. Lista e Arancha Nogueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Ti que es moi activa nas redes sociais, dirías que as redes son unha forma máis de comunicarse ou máis de mostrarse?
– Arancha Nogueira (AN): Supoño que en como nos mostramos tamén hai unha forma de comunicación, non? Cando menos de intencionalidade e de crear unha parte da nosa identidade. Isto é algo sobre o que reflexiono moito: somos o que somos, somos o que proxectamos ou somos o que outras vén de nós? Ao final sempre chego á conclusión de que somos un pouco unha mestura de todas: do que somos, do que queremos ser, do que o resto concibe de nós e do que nós tamén proxectamos. O que non cabe dúbida é que o tema da identidade –con todo o que significa, pois non deixa de ser o gran tema do mundo– nestes momentos se ve afectado por como nos comunicamos co resto e como o plasmamos no exterior. Teño recibido moitos comentarios sobre o uso das redes na miña poesía e da maneira na que están presentes, e realmente creo que vivindo neste mundo sería un pouco hipócrita non introducilas dalgunha forma. Penso que esa forma que temos de desenvolver a nosa identidade –a través das redes– ten que estar presente. Non cabe dúbida de que o contexto nos inflúe a todas, é o natural.
– P: No teu último poemario, Antese, hai un diálogo entre nai e filla que por momentos non precisa nin palabras e tamén unha comunicación cun ′ti′ externo que non sabemos se é bidireccional. Como cando dis ólloa coa miopía dunha filla ou nese Cursor → abrir → navegador → nova pestana → webwhatsapp/ [ti]/ emoji da margarida (dobre tic azul). Que tan especial é a relación nai / filla que atravesa todos os momentos, non?
– AN: Absolutamente, antes dicía que o gran tema da humanidade é a identidade e aí, mesmo facendo parte, está a relación maternofilial, que ao final nos configura desde o comezo da nosa vida e ata o final da mesma. Hai unha canción de La Bienquerida que di ″todo el mundo tiene una infancia″, e é verdade. Polo tanto, todo o mundo ten unha nai, independentemente das circunstancias, de que estea presente nese momento ou non. Creo que non fago unha procura voluntariosa das nais e das fillas cando escribo, simplemente aparecen. É un tema que todas temos aí, que moitas veces nos axuda a vernos nun espello, ou mesmo a configurar o que queremos ser de forma diferente. Ao final, as nosas nais son os nosos primeiros modelos do que queremos e do que non. Tamén penso que, ao longo da vida, levamos a cabo –polo menos, eu– un proceso de reconciliación con eses modelos. Imos comprendendo que esas nais que de pequenas pensabamos perfectas e absolutamente totémicas, tamén son criaturas coma nós, que o fan o mellor que poden, que ás veces se trabucan e que poden compartir con nós os mesmos medos e anhelos aínda que sexa –tal vez– con códigos distintos.
– P: En que circunstancias foi concibido este Antese?
– AN: Concibino no confinamento estrito, mais cando máis escribín foi no período das fases no que se podían ir facendo cousas pouco a pouco. Despois houbo un proceso de re-escrita naquel segundo confinamento despois do verán, cando volveran as restricións. Para min foi moi duro, parecía que volvía a normalidade e non foi así. Nese momento fixen unha re-escrita que penso que –particularmente na poesía– o muda todo. Si que é un poemario pandémico total.
– P: Algo dese encerro da pandemia percíbese nos poemas. Como cres que serán lidos estes versos pandémicos dentro de trinta nos?
– AN: Créame moita curiosidade. Primeiro que ogallá se sigan lendo en trinta anos, sexa como sexa. Penso que esa lectora hipotética de dentro de trinta anos atopará algunha referencia e algunha ligazón co seu contexto dese momento porque é certo que nós o asociamos coa pandemia, porque esa é a súa verdadeira orixe e o que nós temos máis preto, pero penso que eses sentimentos de precisar liberdade, de irse construíndo dentro dun espazo que nós mesmas non escollemos mais no que temos que estar… Son cousas bastante universais, penso que poderán ser lidas fóra do contexto pandémico. (…)”