As Asociacións de Escritoras/es de todo o estado fan públicas catro grandes demandas de carácter urxente ás administracións

Asociacións de todo o Estado, nas que se integran máis de 7.000 autoras e autores, reuníronse no seu VII Encontro Estatal. As autoras e autores coincidiron na urxente necesidade de que, tanto o Goberno do estado como o resto de grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, dean unha resposta inmediata ás demandas incluídas no Estatuto do/a Artista. Son petición cruciais que levan pendentes e sometidas a negociación ou a trámite parlamentario desde 2018. As asociacións consideran inexplicábel e lesivo para os dereitos de autoría de escritoras/es e xornalistas, o estado de parálise parlamentaria da transposición da Directiva 790/2019 do Parlamento Europeo “sobre dereitos de autoría no mercado único dixital”, fixado no marco do Real Decreto Lei 24/2021. Este dereito introduce a necesidade de garantir que autoras/es e xornalistas reciban “a parte axeitada dos ingresos” que perciban as/os editoras/es das plataformas dixitais da sociedade da Información. Os procesos de implementación das directivas europeas están feitos para conseguir resultados prácticos e axudar á parte máis feble da creación, ou sexa: ás autoras e autores, tal como confirman diferentes sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Transcorreron catro anos desde a histórica aprobación por unanimidade nas Cortes do Estatuto da/o Artista, mais as asociacións autorais consideran que os avances son moi limitados e nalgúns aspectos parecen bloqueados ou con concrecións claramente insatisfactorias nos seguintes aspectos fundamentais:

1. DEREITOS DE AUTORÍA NO MERCADO ÚNICO DIXITAL. As Asociacións de Escritoras/es esixen, ao Ministerio de Cultura e Deporte e ao resto dos Grupos Parlamentarios, o desbloqueo da transposición do texto e o desenvolvemento dunha negociación efectiva que leve consigo unha concreción da Directiva europea en cuestións tan básicas como: a determinación no texto legal do procedemento de cálculo da remuneración ás autoras e autores, o procedemento de resolución de conflitos entre as partes, ea fixación da “parte axeitada dos ingresos que perciban as/os editoras/es das plataformas” que corresponda ás/aos xornalistas, escritoras/es e resto de autoras/es; en semellanza aos avances que se están a producir no resto de estados da UE.

2. A COMPATIBILIDADE PENSIÓNS-INGRESOS DERIVADOS DA PROPIEDADE INTELECTUAL, para que sexa unha realidade oprincipio “seguir creando”, tal e como se estabelecía no Estatuto da/o Artista. É preciso incluír as/os pensionistas con Incapacidade laboral permanente, ás/aos perceptoras/es das pensións non contributivas, e dar unha solución ás/aos escritoras/es pensionistas que perciben complemento a mínimos.

3. ADAPTACIÓN DO DECRETO QUE REGULA A COMPATIBILIDADE ásituación real das creadoras/es xubiladas/os, incorporando esa modalidade de compatibilidade aos sistemas informáticos da Seguridade Social. Teñen que se adaptar os procesos administrativos a esa norma e formar o funcionariado para a súa implementación. As asociacións detectaron un nivel de descoñecemento elevado que dificulta e por veces fai imposíbel a súa aplicación.

4. REPRESENTACIÓN EN FACENDA. As/Os autoras/es demandan a creación do grupo de ESCRITORAS/ES entre os colectivos contemplados no Imposto de Actividades Económicas. Na actualidade están integradas/os, sen denominación específica, no grupo “Pintores/as, escultores/as, ceramistas, artesáns/ás, grabadoras/es e artistas similares”. Tamén se require a incorporación aos formularios de Declaración da Renda dunha casa de “Rendementos da Propiedade Intelectual” na declaración do IRPF.

Sen autoras/es non hai cultura

En Alcalá de Henares, a 12 de decembro de 2022

ASOCIACIÓNS ASINANTES: Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Euskadiko Idazleen Elkartea/Asociación de Escritores de Euskadi (AEE/EIE), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores Extremeños (AEEX), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Navarra de Escritores y Escritoras (ANE/NIE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Sociedad Cántabra de Escritores, Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores de Castilla-La Mancha (AECLM), Asociación Riojana de Escritores (ARE).