Carlos Labraña: “O teatro ten que contar historias que non van aparecer noutros medios como a televisión”

Entrevista de Laura Veiga a Carlos Labraña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Mambrú volveu da guerra é a primeira obra en lingua galega que gaña o Premio SGAE de Teatro Infantil.
– Carlos Labraña (CL): Foi unha sorpresa. O certo é que non tiña esperanzas e xa tiña o texto presentado a outros certames. Este é o premio máis importante de teatro para crianzas non só do Estado, senón tamén a nivel iberoamericano. De feito, o ano pasado gañou unha dramaturga mexicana. A cuestión é que podes presentarte en calquera das linguas do Estado, mais se o fas así tes menos posibilidades porque só unha das persoas do xurado sabe galego, o cal é un impedimento para a comprensión.
Con todo, todas as veces que me presentara fixérao en galego porque máis alá de gañar importábame que estivera representado. No comunicado da SGAE, o título tampouco aparece traducido nin entre parénteses e penso que isto é moi importante xustamente nestes momentos que estamos pasando no Estado.
– ND: Como se mestura unha temática tan dura coa literatura infantil?
– CL: A memoria histórica é unha cuestión que está comezando a revivir e de feito en Dramaturga, a Asociación Galega de Dramaturxia, este ano publicamos un libro con pezas breves ligadas a este tema, mais neste caso é para adultos. É un tema que me interesa moito, mais non sabía moi ben como abordalo porque toca cuestións espiñosas. Aínda así, unha vez que xurdiu a idea foi moi doado de escribila.
Cos textos pasan estas cousas; hai veces nas que tes que turrar e dar moitas voltas, mais hai outras, como neste caso, que se che alumea algo na cabeza e a historia vai desenvolvéndose de forma moi doada, que até parece que se está escribindo soa. Neste caso supoño que dei coa tecla axeitada, porque unha das cousas que comentou o xurado foi precisamente a delicadeza. Tamén penso que só coa obra as crianzas non saben moi ben de que se está a falar e, as adultas, aínda que o presenten, até o final non acaban de darse de conta de todo e aí entra moito o labor de mediación e de contextualizar a obra segundo a idade na que se lea ou se represente nos escenarios.
Penso que pode ser desfrutada tanto por crianzas como por calquera público. É unha peza que me emocionou moito escribila e aínda me ocorre cando a leo, porque os meus pais viviron de nenos a guerra, mais na casa sempre houbo un silencio absoluto arredor do tema. E todo isto xusto coincide coa aprobación da Lei de Memoria Democrática.
– ND: Tampouco é a súa primeira obra ligada ao compromiso social.
– CL: Fun madurando. As miñas primeiras pezas eran moito máis sinxelas, moi fantasiosas e diría que foi a partir da crise de 2008 que dei un cambio: o teatro ten que contar historias que sei que non van aparecer noutros medios como a televisión ou inclusive os libros.
O teatro ten unha visión crítica, e a tivo ao longo da historia; se a eliminamos deixa de ter sentido. Todo isto é algo que se ve reflectido no que escribo. Por exemplo, este mesmo ano gañei o Premio O Facho con Ícaras, que é un texto sobre o desafiuzamento, mais tamén teño outros como O valo, sobre as persoas refuxiadas; Moito Morro Corporation. Sociedade Ilimitada, sobre a crise económica; ou A pequena compaña, sobre os abusos a crianzas. E de feito saíu agora o meu novo libro: Estrela… fugaz?, no que falo sobre a cuestión das persoas trans.
Con todo, tamén intento, a pesar de tratar este tipo de temas, incluír pequenos trazos de humor. Hai moitas formas de contar as cousas e eu creo que coas crianzas o humor é a chave para que a mensaxe chegue. Teño moitas ganas de que as crianzas lean Mambrú volveu da guerra e sobre todo de vela cando se represente, saber como o tomarán.”