Desde o Diario de Pontevedra:
“A escritora e xornalista Sara Vila (As Neves, 1989), veciña de Pontevedra, é a gañadora do XLII Premio Blanco Amor, segundo se deu a coñecer este sábado en Ourense. Recibe o galardón pola novela O incendio.
O xurado destaca o “tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares a través da protagonista da obra: unha muller que relata a súa adolescencia. A acta sinala que Vila emprega no seu traballo unha voz “poderosa e crúa” para achegarse a un “universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes”.
Tamén se sinala que a dureza da realidade pouco compracente de O Incendio “contrasta co sentido do humor no tratamento das diferenzas entre mocidade e vellez, ademais coa asepsia dos adultos e a problemática da infancia ou a vitalidade do primeiro encontro coa morte”. O xurado subliñou tamén a calidade literaria de todos os traballos presentados, 21 títulos orixinais.
O certame organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor, en colaboración coa Deputación de Ourense, está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano. A entrega desta distinción terá lugar o próximo 1 de decembro durante un acto literario previsto no Liceo de Ourense (20:00 horas). A data coincide co día aniversario do falecemento do autor de A Esmorga en 1979.
O xurado da 42ª edición do galardón foi presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Xosé-Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo; Maite Jiménez Pérez, catedrática de Latín e tradutora; César Lorenzo Gil, xornalista, editor e escritor, e Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta.”