Euloxio Ruibal e Joseba Sarrionandia serán premiados pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñecerá cos galardóns O Escritor na súa Terra – Letra E’ e ‘Escritor Galego Universal’ os autores Euloxio R. Ruibal e Joseba Sarrionandia.
Este sábado, a asociación reuniu en Compostela a súa Asemblea Xeral de Socias, na que revisaron e analizaron o feito o pasado ano, así como tamén programaron as actividades deste 2024.
Segundo trasladou o presidente de AELG, Cesáreo Sánchez, o escritor recoñecido como ‘O Escritor na súa Terra – Letra E‘, unha homenaxe que chega este ano á súa XXV edición, será Euloxio R. Ruibal, para dar visibilidade e recoñecemento a “toda unha vida de entrega á escritura dramática”.
A entrega do galardón ‘Letra E’, unha peza escultórica, efectuarase na capital galega a segunda semana de xuño, cando se plantará unha árbore simbólica elixida polo propio autor e colocarase un monólito conmemorativo. Para iso, a asociación conta co apoio do Concello de Compostela e do Centro Español de Dereitos Reprográficos.
Doutra banda, o recoñecido como ‘Escritor Galego Universal‘ neste 2024 será o poeta vasco Joseba Sarrionandia, escritor con obra traducida ao galego e que tamén traduce obras do galego ao vasco.
Ademais, a próxima semana a AELG participará en Soria na Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores de todo o Estado español, onde demandarán á Administración “determinadas cuestións que nos corresponden”, como a compatibilización das pensións co cobro de dereitos de autoría.
De igual maneira, a asociación continuará facendo os seus roteiros literarios por distintas cidades galegas, así como a súa gala de premios ‘Mestres da memoria’, que levará a cabo en Lugo, xornadas sobre literatura dramática no outono, e un congreso das novas voces narrativas.
Así mesmo, Cesáreo Sánchez recalcou a implicación de AELG coa dedicación do Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, por formar a escritora parte da directiva da asociación. Deste xeito, farán talleres literarios dedicados á vida e obra da escritora, que decorrerán en centros educativos de toda a Galiza.
Tamén quixo destacar a preparación, xunto a editoras e librarías, dos Premios Follas Novas, que se entregarán unha semana antes do Día das Letras Galegas (17 de maio).
Por último, nesta asemblea anual os e as participantes debateron sobre as boas prácticas nos premios literarios, para tentar atender as necesidades das persoas asociadas, á vez que traballan para que “a literatura galega siga cumprindo o papel tan importante que cumpre”.”