Entrevista de Antón Riveiro Coello a José Carou en La Voz de Galicia:
“(…) – Antón Riveiro Coello (ARC): Cales foron as primeiras lecturas? En que instante localizas no recordo os inicios da pulsión creadora?
– José Carou (JC): Despois dos primeiros contos infantís, as primeiras novelas que lin foron Robinson Crusoe, As viaxes de Gulliver, O derradeiro dos mohicanos e, de Stevenson, A illa do tesouro e O estraño caso do Dr. Jekyll e Mr. Hyde. Conservo eses exemplares, son alfaias coas que aínda de neno comecei a miña educación sentimental e literaria. Regaláramos meu pai. Sempre foi un gran lector. A súa influencia abriume as portas da ficción e da fabulación. A partir de aí, comecei a bosquexar en libretas invencións, relatos e biografías de personaxes ficticios que vencían perigos e resolvían misterios. (…)
– ARC: Sempre aclaras que es profesor de filosofía antes ca escritor? Imaxino que non te refires só a que ese sexa o teu traballo. Canto hai de certo nesta afirmación?
– JC: Para min é unha certeza incuestionable. Escritoras ou escritores de verdade hai moi poucos. Cunqueiro, Rosalía, Rulfo… por poñer só algúns exemplos. O resto somos eternos aprendices dun oficio inabarcable, buscadores, xente que nos deixamos levar pola imaxinación e polos enredos da métrica e da sintaxe na teima de perfilar uns protagonistas sempre en movemento, afanándonos en lles conferir unha voz interior que lles sexa propia. Todo autor aspira a facer de carne e óso os seus personaxes, a darlles de respirar un ar de autenticidade. Acabamos véndoos detidos nos seus autos diante de semáforos en vermello, preguntándose que decisións deben tomar para saír adiante un día máis sen traizoarse demasiado a si propios.
Se algo dá sentido á miña vida, se algo son, é a paixón pola filosofía e polas clases co alumnado. Aprendo deles cada día, da súa espontaneidade, das novidosas e intelixentes interpretacións que fan do que eu consideraba asuntos xa resoltos. Traballar con eles é un agasallo, un espazo sempre sorprendente, lonxe de convencionalismos e seguridades. O pensamento crítico que van construíndo día a día faime ver o mundo con ollos novos e ilusionados. Aos meus alumnos pasados e presentes débolles a intensa sensación de sentirme autenticamente vivo. (…)”