José Carou: “Todo autor aspira a facer de carne e óso os seus personaxes”

Entrevista de Antón Riveiro Coello a José Carou en La Voz de Galicia:
“(…) – Antón Riveiro Coello (ARC): Cales foron as primeiras lecturas? En que instante localizas no recordo os inicios da pulsión creadora?
– José Carou (JC): Despois dos primeiros contos infantís, as primeiras novelas que lin foron Robinson Crusoe, As viaxes de Gulliver, O derradeiro dos mohicanos e, de Stevenson, A illa do tesouro e O estraño caso do Dr. Jekyll e Mr. Hyde. Conservo eses exemplares, son alfaias coas que aínda de neno comecei a miña educación sentimental e literaria. Regaláramos meu pai. Sempre foi un gran lector. A súa influencia abriume as portas da ficción e da fabulación. A partir de aí, comecei a bosquexar en libretas invencións, relatos e biografías de personaxes ficticios que vencían perigos e resolvían misterios. (…)
– ARC: Sempre aclaras que es profesor de filosofía antes ca escritor? Imaxino que non te refires só a que ese sexa o teu traballo. Canto hai de certo nesta afirmación?
– JC: Para min é unha certeza incuestionable. Escritoras ou escritores de verdade hai moi poucos. Cunqueiro, Rosalía, Rulfo… por poñer só algúns exemplos. O resto somos eternos aprendices dun oficio inabarcable, buscadores, xente que nos deixamos levar pola imaxinación e polos enredos da métrica e da sintaxe na teima de perfilar uns protagonistas sempre en movemento, afanándonos en lles conferir unha voz interior que lles sexa propia. Todo autor aspira a facer de carne e óso os seus personaxes, a darlles de respirar un ar de autenticidade. Acabamos véndoos detidos nos seus autos diante de semáforos en vermello, preguntándose que decisións deben tomar para saír adiante un día máis sen traizoarse demasiado a si propios.
Se algo dá sentido á miña vida, se algo son, é a paixón pola filosofía e polas clases co alumnado. Aprendo deles cada día, da súa espontaneidade, das novidosas e intelixentes interpretacións que fan do que eu consideraba asuntos xa resoltos. Traballar con eles é un agasallo, un espazo sempre sorprendente, lonxe de convencionalismos e seguridades. O pensamento crítico que van construíndo día a día faime ver o mundo con ollos novos e ilusionados. Aos meus alumnos pasados e presentes débolles a intensa sensación de sentirme autenticamente vivo. (…)”

Marilar Aleixandre: “Hai un mito de que antes o ensino era mellor, o que é totalmente falso”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Marilar Aleixandre en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Marilar Aleixandre (MA): Non o teño claro, pois moitas das novelas que máis me gustan son historias moi duras, nas que os protagonistas sofren ou mesmo morren. De rapaza querería protagonizar A illa do tesouro, de Stevenson, navegar nun barco de vela –aínda que cando viñamos de Ceuta á península en barco adoitaba marearme–; talvez por iso escribín A expedición do Pacífico, na que Emilia, unha rapaza, viaxa nun barco. Das cousas máis lindas que me dixeron nos encontros con lectoras e lectores nos institutos é “eu sentín que era Emilia”. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– MA: Un diario non. Teño varios cadernos nos que anoto cousas; tamén tomo notas no ordenador. Notas que poden ser de algo que ocorreu, dunha conversa, dun libro que lin, dun libro que penso escribir. Nada sistemático como diario.
– B: Escribirá as súas memorias?
– MA: Talvez. De momento os proxectos que teño entre mans son ficción ou poesía.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MA: Non podo atribuírllo a unha autora, a un autor. De moito ler, acabei escribindo, mais en distintos momentos da miña vida estaba influída por distintos autores. Cando estudaba na universidade Marguerite Duras, lembro ler Des journées entières dans les arbres e decatarme de que era diferente a todo o que lera até ese momento. Foi ese o tempo en que comecei a escribir, non a publicar que daquela era ben difícil; eu nese intre dedicaba máis enerxías á militancia clandestina antifranquista; é o tempo no que me tocou vivir de nova. (…)”

Cuestionario Proust: Marta Dacosta, desde Lecturafilia

Entrevista a Marta Dacosta en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? A espontaneidade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A intelixencia.
3. E nunha muller? A intelixencia.
4. Que agardas das túas amizades? Que me escoiten e que me corrixan con cariño.
5. O teu principal defecto? A espontaneidade.
6. A túa ocupación favorita? Ler.
7. O teu ideal de felicidade? Ter moito tempo para ler e pasear cos que quero.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder os meus.
9. Que che gustaría ser? O que son.
10. En que país desexarías vivir? Nunha Galiza dona de seu, mais de momento váleme este.
11. A túa cor favorita? Verde.
12. A flor que máis che gusta? A rosa.
13. Que paxaro prefires? Garza.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Castelao, quen puidese escribir coma el en Cousas.
15. E poetas? Bernardino Graña e Xohana Torres, á cabeza de moitos outros.
16. Un heroe de ficción? Jim Hawkins, o mozo protagonista da Illa do Tesouro.
17. Una heroína? Pippi Langstrum.
18. O teu músico ou música favorito/a? Uxía.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Urbano Lugrís.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña bisavoa Saladina e a súa sogra Rosa, decididas, traballadoras e comprometidas cos seus.
21. O teu nome favorito? Nomes de ampla sonoridade como o do meu fillo Aldán.
22. Que hábito alleo non soportas? A mentira.
23. Que é o que máis detestas? A hipocrisía.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Tres. O trío Hitler, Franco, Mussolini.
25. Un feito histórico que admires? O traballo realizado polas Irmandades da Fala.
26. Que virtude desexarías posuír? A paciencia.
27. Como che gustaría morrer? Rápido e durmindo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Cambiante, aínda que procuro ser optimista.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A precipitación.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Poñerme na pel da outra ou do outro.”

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o martes 3

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o martes 3 de maio:
10:00 h. Diálogos con estudantes: Elena Gallego Abad. Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol.
19:30 h. Encontro con lectores: Diego Ameixeiras. Coordinado por Juan Carrá. Biblioteca Casa de la Lectura.
20:00 h. Traducir aos clásicos. De Ulises a Treasure Island. Coloquio con Xavier Queipo, Xosé María Sáinz Pena e Xavier Alcalá. Stand.
20:30 h. Itinerario literario de autores galegos en Buenos Aires. Audiovisual realizado polo Instituto Gallego-Argentino Santiago Apóstol. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).