Nova e foto do autor en Nós Diario:
“O profesor de Secundaria do IES da Pobra do Caramiñal e tradutor especializado na lingua acadia Xosé Antón Parada Fernández, nado en Moaña pero asentado desde hai décadas en Touro (Ribeira), faleceu esta segunda feira aos 72 anos, segundo puido saber Nós Diario. Entrou en contacto co nacionalismo a finais dos anos 60 e integrouse na Frente Cultural. Formaría parte da UPG, ERGA, ANPG, BNPG e, por último, coa constitución do BNG, pasaría a militar nel.
Traballou en asociacións de veciños e veciñas e asociacións culturais como O Eixo, O Galo ou Xoves Culturais do Barbanza —da que foi presidente—. Actualmente era socio de Altofalante. Sindicalmente pertenceu á UTEG e estaba sindicalizado á CIG-Ensino, do que foi liberado durante dous anos. Tamén foi concelleiro en Ribeira.
Parada foi recoñecido por traducir ao galego numerosos textos dunha lingua morta como a que se falaba na antiga Babilonia, a acadia, como é o caso do Código de Hammurabi (Rinoceronte), un conxunto de 282 leis rexistradas nunha pedra polo rei de Babilonia Hammurabi. (…)”