Nova e foto do autor en Nós Diario:
“O profesor de Secundaria do IES da Pobra do Caramiñal e tradutor especializado na lingua acadia Xosé Antón Parada Fernández, nado en Moaña pero asentado desde hai décadas en Touro (Ribeira), faleceu esta segunda feira aos 72 anos, segundo puido saber Nós Diario. Entrou en contacto co nacionalismo a finais dos anos 60 e integrouse na Frente Cultural. Formaría parte da UPG, ERGA, ANPG, BNPG e, por último, coa constitución do BNG, pasaría a militar nel.
Traballou en asociacións de veciños e veciñas e asociacións culturais como O Eixo, O Galo ou Xoves Culturais do Barbanza —da que foi presidente—. Actualmente era socio de Altofalante. Sindicalmente pertenceu á UTEG e estaba sindicalizado á CIG-Ensino, do que foi liberado durante dous anos. Tamén foi concelleiro en Ribeira.
Parada foi recoñecido por traducir ao galego numerosos textos dunha lingua morta como a que se falaba na antiga Babilonia, a acadia, como é o caso do Código de Hammurabi (Rinoceronte), un conxunto de 282 leis rexistradas nunha pedra polo rei de Babilonia Hammurabi. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xosé Antón Parada
Corcubión: entrega do Premio Plácido Castro de Tradución 2023
Eva Almazán e Xosé Antón Parada Fernández, gañadores do Premio Plácido Castro de Tradución na súa vixésimo primeira edición
Desde a Fundación Plácido Castro:
“As obras premiadas son unha tradución da obra The Year of Magical Thinking, de Joan Didion e o clásico Código de Hammurabi, obra fundamental na historia da humanidade
Reuniuse o 7 de setembro en Cambados o xurado da XXIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución, integrado por D.ª Ánxela Gracián (Xunta de Galicia), Dª. Beatriz Fariñas (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea Fernández Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dª. Ana Luna Alonso (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xosé Antón Palacio Sánchez (Real Academia Galega), D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgar ex aequo o premio Plácido Castro 2022 á tradutora Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking, de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.
No caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salienta tamén a elegancia da tradución, por outra banda tan efectiva como a orixinal.
No caso de Xosé Antón Parada Fernández, destaca a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade. (…)”