Bernardino Graña, primeiro presidente da AELG, nomeado Socio de Honra en 1996 e Presidente de Honra en 2021, poeta, narrador e dramaturgo, inmensamente prezado por todas e todos nós, finou o 18 de xaneiro de 2025.
Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de lingua e literatura en secundaria, até a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. No ano 2010 ingresou na Real Academia Galega, recibindo o Premio da Cultura Galega en 2021 e o recoñecemento como Fillo Predilecto de Cangas 2022 por parte do Concello da súa vila natal.
O seu caudal creativo alimenta varios ríos que fornecen camiños fecundos para a nosa lingua e literatura desde hai máis de 60 anos, tal e como pode verse no seu espazo no Centro de Documentación da AELG.
Esta foi a extensa e completa entrevista sobre a súa traxectoria literaria realizada en 2009, dispoñíbel na nosa web nesta ligazón.