Desde Nós Diario:
“Nunha época de revolución tecnolóxica continua, a intelixencia artificial (IA) está mudando as dinámicas actuais en case todos os aspectos da vida e, por suposto, nin a cultura en xeral, nin a literatura en concreto, son unha excepción.
Precisamente, a oposición do sector cultural, que demanda pór couto ás tecnolóxicas no seu abuso da propiedade intelectual, obrigou a pasada semana o Ministerio de Cultura a retirar o Real Decreto para regular a intelixencia artificial xenerativa.
Neste sentido, Jorge Corrales, director xeral do Centro Español de Derechos Reprográficos (Cedro), impartiu esta sexta feira no Museo do Pobo Galego, en Compostela, unha conferencia titulada A Intelixencia Artificial. Retos actuais para a creación cultural.
Pouco antes de comezar este acto, no que estivo presente Nós Diario, Corrales atendeu este xornal. Segundo sinalou, “a propiedade intelectual, os dereitos de autor e a intelixencia artificial son aspectos cruciais no futuro inmediato da cultura escrita”.
Ao respecto, explicou, “o actual desenvolvemento dos sistemas de IA e os usos que se derivan disto deixan fóra actualmente un recoñecemento xusto dos dereitos dos autores e das autoras, xa que estas colaboran, sen ningunha dúbida, na xeración de valor que estes modelos achegan”. Porén, acrecentou, “as titulares vense rexeitadas do reparto de valor que se produce no emprego destas ferramentas”.
“É fundamental que se entendan todos os amplos espectros dos defectos que xeran as novas tecnoloxías e que, independentemente do tipo de cada unha delas, haxa unha máxima no uso de obras nestes produtos que sexa: Autorización, remuneración e transparencia na declaración dos usos”, defendeu.
O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, foi o encargado de introducir o relator, e tamén atendeu Nós Diario antes de comezar o acto. “A preocupación da AELG polas lóxicas que ten a intelixencia artificial é que traen dificultades para unha cultura como a nosa se non hai unha lexislación protectora que incorpore as novas formas de empregar a tecnoloxía dunha forma respectuosa co noso idioma e co noso sistema literario”, expuxo.
“Unha cultura como a nosa precisa estar nesta nova maneira de traballo e de ver o mundo, porque a IA crea formas de ver o mundo, mais é determinante que sexa respectada a propiedade intelectual nos fondos cos que hai que prover o software da intelixencia artificial”, engadiu.
“Temos que ter en conta que isto pode acabar nas mans das grandes plataformas, de feito é o que ten máis posibilidades de acontecer, sen que teña ningún beneficio para os creadores e as creadoras nin para a cultura”, afirmou o presidente da AELG.
Por este motivo, sinalou, “é un momento clave no que nos debemos achegar ao que significa todo o que está a pasar, algo que pode revolucionar as distintas artes e culturas, mais tendo claro que os dereitos de autor, aínda que sexan individualizados, tamén son garantes de que é respectada unha cultura e un idioma, así como de non descapitalizar a creación de maneira que haxa toda unha serie de plataformas que fan negocio”.
“A intelixencia artificial é algo que se compra e que se vende, así como os produtos que se elaboran con ela, e non se poden obviar todas as leis que existen sobre propiedade intelectual”, acrecentou. Ao respecto, concluíu Sánchez Iglesias, “pedimos que haxa autorización dos autores e das autoras, que haxa unha valoración económica do traballo de aquelas persoas que queiran ceder os seus contidos, e que haxa transparencia na trazabilidade do que se entrega á IA”. (…)”