Entrevista a María Xosé Porteiro na revista A Movida:
“(…) – A Movida (M): Recentemente vés de publicar o libro As benfaladas. De onde naceu o título? É unha provocación necesaria?
– María Xosé Porteiro (MXP): O título foi casual. Cando fun propoñerlle a Xosé Manuel Soutullo, director de Galaxia, a posibilidade de entregarlle un libro no que estaba a traballar para a colección de Feminismos, non levaba pensado título, pero no medio da conversa saíume este “palabro”: benfaladas, co que quería resumir o obxecto da miña análise. A el gustoulle e así quedou. Penso que foi un acerto porque anuncia pero non descobre. Deixa un aquel de curiosidade que está funcionando moi ben. (…)
– M: No teu libro aparecen moitas mulleres referentes na defensa da igualdade e do feminismo. Pero se tiveras que dicir unha, con cal te quedarías? Cal te marcou máis?
– MXP: Sen dúbida, Concepción Arenal, de quen nos teñen contado moitas parvadas ata convertela nunha personaxe ultra conservadora e moxigata, cando foi unha das mentes máis progresistas e lúcidas da súa época, coñecida e respectada en todo o mundo como anovadora e experta penalista con formación universitaria, comprometida como teórica e activista coa abolición da escravitude e do proxenetismo, e krausista, colaboradora da Institución Libre de Ensinanza a prol da educación das nenas e mozas desde posicións moi avanzadas para o seu tempo e moitos anos despois.
– M: Unha das nosas grandes loitas é ser capaz de alzar a voz nos espazos públicos porque dende sempre se nos relegou aos privados. E aquí foron moitas mulleres pioneiras en Galicia. Caso de Dorotea Bárcena, unha muller imprescindible para a historia do noso teatro pero inxustamente silenciada moitas veces. Que outras mulleres consideras pioneiras do tempo actual?
– MXP: Como moi ben sinalas a inmensa maioría estiveron nos espazos privados. Aí temos que procuralas, cada unha na esculca das nosas propias familias, das nosas vilas, do que temos máis preto. Cantas das nosas avoas ficaron mudas… Fagamos un esforzo por devolverlles a voz e a liberdade convocando e recuperando a súa memoria. (…)”