Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas, gañadoras dos premios literarios Hai unha voz da Deputación de Pontevedra e Clásicas e Modernas

Desde a Deputación de Pontevedra:
“As autoras Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas son as primeiras gañadoras dos premios Hai unha voz, que a Deputación de Pontevedra promove xunto á asociación Clásicas e Moderna ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, co obxectivo de visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario. As tres recibirán os seus galardóns, dotados con 5.000 euros cada un, na gala que se celebrará na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo este venres, 23 de xuño ás 19.30 horas, O evento será presentado por tres das integrantes do Manifesto: Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e contará coa actuación musical de Guadi Galego.
No caso de Marilar Aleixandre, o xurado dos premios valorou a indiscutible traxectoria desta escritora, académica da RAG, autora de ensaio, novela para público adulto, xuvenil e con diversos galardóns, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”, que se veu referendada co Premio Nacional de Narrativa o pasado 2022 por As malas mulleres. Este libro recolle a memoria das mulleres recluídas no cárcere coruñés da Galera e pon en relevancia o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega.
Rexina Vega é escritora, profesora e investigadora e conta cunha sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. O xurado destacou os seus artigos na revista Tempos Novos e a súa participación, na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión como unha das voces máis autorizadas para falar do autor. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.
Pola súa banda, a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas ten tamén unha sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade. Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional. Este ano impartiu tamén un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.
Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas foron elixidas polo xurado entre un total de dezasete candidatas de distintos eidos do mundo literario, tanto escritoras como tradutoras, críticas ou libreiras, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais, culturais ou profesionais. O xurado estivo composto por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo e varias integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación; Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.”

A Coruña. Cidade da literatura 2023. “A literatura nos xardíns”

Marilar Aleixandre: “Se Juana de Vega fose inglesa tería unha cantidade enorme de películas sobre a súa vida”

Entrevista de Laura Veiga a Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xorde Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo?
– Marilar Aleixandre (MA): Eu sempre digo que todo o que escribimos parte do mesmo texto. As malas mulleres é unha novela que ten base histórica na que aparece Concepción Arenal como visitadora de prisións. Eu sei do cárcere da Galera, situado na Coruña, por primeira vez pola súa biografía e é un traballo que ela fai con Juana de Vega. Querendo ler máis cousas sobre esta muller chego ás súas memorias, que están en internet na Biblioteca Nacional.
Pareceume unha personaxe fascinante porque desde os trece anos xa anda metida nas revolucións liberais que hai no século XIX, acaba sendo exiliada e sufrindo a represión…
Na súa casa é onde se organiza a revolución de 1846 que despois dá lugar aos mártires de Carral. Este ano será o 150 aniversario da súa morte e por iso propúxenlle a Emma Pedreira facer este libro.
Non é unha biografía como tal, esta publicarase en novembro da man do investigador Xosé Ramón Veiga. Aquí hai partes biográficas e cousas recreadas. Emma tamén tivo a idea de falar das cidades e, se ben nun principio queriamos que se visen as costuras, ao final foi un remexido porque as dúas metemos man no da outra. Tamén nos pareceu moi importante incluír documentos da época, traducidos do castelán, porque hai xente que ten a idea de que Juana de Vega era unha beata e non é certo.
– ND: Hai que entender as persoas no seu contexto, non?
– MA: Nesa época non podías ir por aí dicindo que eras agnóstica, mais ela nas súas memorias critica de forma moi dura a moitos cregos. Estas sociedades que ela organiza son creadas porque era a única forma de participación das mulleres, entón é evidente que ela era unha muller moi política. Inclusive, falando da revolución de 1846, o capitán xeneral di que ela é precursora e directora da sublevación e pide en varias ocasións que a desterren. Pois dalgún modo houbo persoas que entenderon que ela era oposta a esta rebelión e inclusive que era oposta ao galego.
Os pais é certo que fixeran cartos en Cuba, mais viñan dunha orixe humilde e ambos falaban galego, e ela tamén; iso é o que di o biógrafo. Nese momento a xente escribe en castelán, inclusive Murguía, mais non se pode negar a boa predisposición. E cando se di que ela era unha aristócrata, por favor: recibe o título cando morre Espoz y Mina, mais deixa dito que na súa tumba non se poña ningún título.
Por que se xulga tan distinto aos homes e ás mulleres? Porque é certo que o seu título de condesa permítelle facer cousas que outra xente non podería, mais tamén axudou nos hospitais cando o cólera e a xente fuxía da cidade. Sen que se me entenda mal, porque eu son admiradora da súa poesía, Pondal viña dunha familia que fixera moitos cartos tamén e viviu toda a súa vida de rendas: tivo suficientes cartos como para dedicarse só a escribir; mais non vexo que sempre ao falar de Pondal se diga isto.
– ND: A dobre vara de medir.
– MA: Eu creo que no século XIX houbo catro mulleres excepcionais: Juana de Vega, Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. E Juana de Vega, tal e como o vemos Emma e eu, non é tan coñecida como debería. Se Juana de Vega fose inglesa tería unha cantidade enorme de series e películas sobre a súa vida porque é interesantísima. Forma parte da nosa historia e a xente ten que saber todo o que as mulleres achegaron neste século.
Hai moitas outras impresionantes como Nicolasa Añón, unha poeta analfabeta da que conservamos textos porque un mestre os recolleu, ou a mesma Pepa a Loba, da que aínda hai quen di que é unha figura mítica, mais eu pregúntome: que tería pasado se algunha destas catro mulleres tivese irmáns varóns?”

Paseos virtuais pola Coruña Literaria 2021

Os Paseos virtuais pola Coruña Literaria 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.

Volven os Paseos que quedaran cancelados por mor da pandemia. Debido á situación sanitaria, os contidos foron gravados e os paseos, de carácter virtual e audiovisual, poden verse na web de Normalización Lingüística do Concello da Coruña as redes sociais. Permanecerán visibles durante un mes desde a primeira emisión de cada un deles.
Estes Paseos virtuais pola Coruña Literaria, que organiza Normalización Lingüística do Concello da Coruña xunto coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, teñen datas e protagonistas para esta primavera. María CanosaOlivia Rodríguez González, África López Souto e Xosé Antón Bocixa con Emma Pedreira levarannos, de maneira virtual, por diferentes localizacións da cidade que ambientaron ou inspiraron as súas obras.

O calendario é o seguinte:
– 11 de marzo, con María Canosa. Peregrina na miña cidade. O paseo rememorará a visión de dúas protagonistas dos últimos libros da autora. Na obra á que fai referencia o título do paseo, a protagonista chega á cidade por mar e sentirase atraída por todo aquilo que é a fachada da cidade pero tamén polo que queda ás súas costas. A segunda protagonista vive dentro da cidade e transita os espazos menos pintorescos e máis prosaicos, o día a día, a cidade que se “usa”. Pode verse aquí.

– 18 de marzo, con Olivia Rodríguez. A Coruña de Luz Pozo Garza. Faremos un percorrido polos espazos vitais e poéticos de Luz Pozo Garza na nosa cidade e deterémonos naqueles lugares máis significativos na súa traxectoria. Poderá verse aquí.

– 25 de marzo, con África López. Concepción Arenal na Coruña: escoitando as ‘malas mulleres’. Faremos un percorrido aberto e participativo pola presenza de Concepción Arenal na nosa cidade, incidindo nas súas perspectivas en relación a unha visión humanitaria do castigo, a potencia da amizade entre mulleres, centrada na súa relación con Juana de Vega, e o legado que deixou a súa vida e obra na nosa cidade. Poderá verse aquí.

– 1 de abril, con Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. O éxodo, a ruína. Un paseo pola poética da memoria e da casa baleira e abandonada e que fica no silencio da ruína, desde o audiovisual ao literario, coa mirada diversa e complementaria destes creadores. Poderá verse aquí.

Do 26 ao 28 de xuño, I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV)

I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV), do 26 ao 28 de xuño

Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país

Desde o Consello da Cultura Galega:
“(…) “A historia dun país faise así, a base de figuras heroicas e persoas anónimas que representan a esencia do que somos como comunidade” explicou Dolores Vilavedra ao detallar que a colección inclúe nomes destacados como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal, Manoel Antonio, canda figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall. O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar ás mulleres e homes xa finados que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Todas as entradas foron realizadas por expertos en cada unha das materias e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
A Secretaria explicou tamén que o Álbum de Galicia conta con outra fortaleza, xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Isto significa que se pode relacionar as figuras con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG. “O Álbum de Galicia é o porta de entrada rigorosa para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras” engadiu Manuel Gago.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas que o CCG leva elaborando desde 2005 e que teñen publicado en álbums temáticos ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. O proxecto preséntase como unha iniciativa viva xa que pretende ir ampliando gradualmente o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Nese sentido, na presentación animaron a cidadáns e colectivos a remitir suxestións de figuras que consideren de interese para seren difundidas a través desta ferramenta e, deste xeito, mellorar o seu coñecemento público. O CCG encargará a diferentes expertos e expertas cada entrada biográfica que se incorpore ao Álbum. (…)”

A Coruña: Mulleres sen cancelas