A Mesa e a AELG presentan na ONU o informe sobre a situación do galego


Marcos Maceira, presidente, e Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística presentaron hoxe o informe da situación do galego na sede das Nacións Unidas en Xenebra, xunto con Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. A Mesa achegou este informe ao Comité de Dereitos da ONU, para que o tiveran en conta no 49º exame universal ao Estado español, e fíxoo co aval de 26 relevantes persoeiros da cultura de países lusófonos.

O devandito informe sinala os incumprimentos de acordos internacionais en relación aos dereitos lingüísticos por parte do Estado español e, nomeadamente, da Xunta de Galiza. Estes incumprimentos afectan á educación e dereitos da infancia, prevención do acoso por razón de lingua, dereitos civis e dereitos políticos, administración de xustiza, dereito ao propio nome, liberdade de imprensa, administración e servizos públicos, toponimia, forzas e corpos de seguranza, audiovisual, concesións públicas de xestión privada e ámbito económico e laboral ou saúde.

Marcos Maceira, presidente da Mesa e portavoz da Plataforma Cidadá Queremos Galego, reivindicou que “traemos á ONU a voz das rúas que se mobilizaron en novembro e febreiro a favor do galego, vital para Galiza, e das miles de persoas que em maio voltarán a encher Compostela cunha multitudinaria foliada polo idioma”. “A politica de exclusión do galego”, recordou, “debe ser combatida nas rúas e nas institucións que teñen como obxectivos garantir os dereitos humanos e o de poder a lingua propia sempre e em todo lugar é un dereito humano”. “O 17 de maio será de novo a expresión da nosa forza colectiva”, concluiu Maceira.

A vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, lembrou que a Xunta de Galiza continúa negándose a aplicar os requirimentos do Consello de Europa ou do relator especial da ONU para as minorías e reclamou entre outras accións urxentes: eliminar as restricións ao uso do galego no ensino, na docencia e material didáctico, avanzar para o galego ser a lingua vehicular da educación en Galiza, programas e protocolos de prevención do acoso escolar por razón de lingua, o uso do galego na xustiza e administración, mecanismos para garantir a disposición do noso idioma no ámbito socioeconómico ou no audiovisual e atender de maneira adecuada a vulneración de dereitos lingüísticos aos que, lembrou, só atende neste momento o servizo A Liña do Galego, ofrecido pola Mesa.

O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, agradeceu o apoio internacional concretado no apelo á fraternidade coa situación da lingua común na Galiza, que asinan 26 autores e autoras de diversos países da lusofonía. “O galego, berce do portugués, o corazón e a vida de Galiza, está en emerxencia no seu territorio orixinario”, afirmou. O presidente da AELG denunciou, tamén, que “os escritores e escritoras estamos a ser excluídos da nosa función de construtores do idoma, impedindo que as nosas obras en galego poidan ser socializadas”.

ASSINANTES
Inocência Mata (São Tomé)
Luiz Ruffato (Brasil)
Ana Paula Tavares (Angola)
Pepetela (Angola)
Paulina Chiziane (Moçambique)
Onésimo Teotónio de Almeida (Açores, Pt-USA)
Ondjaki (Angola)
Lídia Jorge (Portugal)
Michael Kegler (Alemanha)
Aline Frazão (Angola)
Germano Almeida (Cabo Verde)
Francisco Duarte Mangas (Portugal)
Odete Semedo (Guiné Bissau)
Rui Zink (Portugal)
Hélia Correia (Portugal)
Jaime Rocha (Portugal)
Yara Frateschi Vieira (Brasil)
Válter Hugo Mãe (Portugal)
Valéria Gil Condé (Brasil)
M. Jorge Marmelo (Portugal)
Mafalda Milhões (Portugal)
Otto Winck (Brasil)
Tarsilla Couto de Brito (Brasil)
Possidónio Cachapa (Portugal)
Marcus Salgado (Brasil)
António Corbacho Quintela (Gz-Br)

A Mesa lembrou como o Estado e, nomeadamente a Xunta que ten competencias na maioría dos ámbitos, continúa a rexeitar a aplicación das resolucións relator especial para as minorias de 2020 e as sucessivas do Comité de Ministros do Consello de Europa. “Esta situación explica en grande medida a perda continuada de falantes”, denunciou Maceira, “mentres a Xunta, en vez de cumplir os acordos nacionais e internacionais, continúa a lexislar en contra e a impedir un uso normal do galego”. Neste sentido Maceira e Quintas referíronse á Lei de Intelixencia Artificial, á eliminación das garantías lingüísticas nos campamentos de verán ou á aprobación dunha lei que ademais de aumentar o control partidario do PP sobre a CRTVG, abre a porta a que deixe de usar o galego.