Entrevista a Henrique Monteagudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A súa foi a única candidatura á presidencia da Academia. Quere iso dicir que había unanimidade ou que ninguén quere asumir un posto que é un “marrón”?
– Henrique Monteagudo (HM): É o tradicional. Só excepcionalmente se presenta máis dunha candidatura porque a Academia non pode funcionar en clave de “goberno-oposición”. É unha entidade na que participamos de forma voluntaria e na que traballamos ad amorem. De feito, temos prohibido cobrar polo traballo realizado nela. Sendo así, e cuns recursos moi precarios, sería unha tolería traballar nun contexto de confrontación.
– ND: Prometeu unha política de continuidade.
– HM: Sería absurdo que dixese outra cousa, porque levo na dirección da Academia desde 2013. É lóxico que fale de continuidade, mais tamén é certo que estamos collendo as rendas da entidade persoas dunha xeración distinta e, polo tanto, tamén hai lugar para unha evolución. (…)
– ND: Daquela a política lingüística debe ir máis lonxe da escola.
– HM: Claro, hai que pensar nunha política global, pensar como difundimos referentes de prestixio en galego para a rapazada. Cando eses referentes son sólidos, hai ferramentas para resistir mellor a presión do castelán. É só un elemento, pero quero dicir que a política lingüística debe ir alén de leis e orzamentos –que son imprescindíbeis– para preocuparnos por aspectos de liderado social desde a nosa lingua.
– ND: E, neste debate, que papel debe e pode xogar a Academia?
– HM: A Academia non ten competencias na implementación de políticas públicas, nin debe telas, porque para iso están os mecanismos democráticos, empezando polo Parlamento. Pero si ten un capital simbólico importante –é escoitada– e un caudal de coñecemento –por definición, unha academia é unha reunión de xente sapiente–. Co primeiro pode influír nas elites sociais e políticas; e co segundo, pode elaborar propostas e críticas ben fundamentadas. Penso que iso é o que está facendo, na medida das súas posibilidades, e eu, que traballo directamente no tema, tratarei de ser máis incisivo nestas cuestións.
Desde a institución temos datos directos da situación da lingua e, realmente, son moi impactantes. Mais tamén temos coñecemento do que se fai noutros lugares para mellorar a situación de linguas minorizadas, e aí é onde eu penso que poderiamos actuar de forma máis efectiva. (…)”